Ir o contido principal

A profesora da USC Ana Goy Diz ingresa como correspondente na Real Academia Galega de Belas Artes

Ana Goy Diz
Ana Goy Diz

A profesora e investigadora do Departamento de Historia da Arte da USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo Ana Goy Diz vén de ingresar como académica correspondente na Real Academia Galega de Belas de Artes da Nosa Señora do Rosario, unha institución con sede na Coruña e presidida na actualidade polo pintor Manuel Quintana Martelo, á que se incorpora con “ilusión e vontade de aprender”, dixo.

A elección de Goy Diz como nova académica correspondente da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario tivo lugar no marco dunha sesión ordinaria, durante a que se votou a elección doutros dous académicos correspondentes e doutros numerarios. O ingreso de Ana Goy Diz, doutora en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte, como académica correspondente da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora de Rosario vén a reforzar tamén a relevancia da USC no seo desta institución artística que remonta a súas orixes a 1849, cando foi creada por decreto baixo a denominación de Academia Provincial de Belas Artes.

Dependente da Xunta de Galicia e estruturada en sete seccións: Pintura e Gravado, Escultura, Arquitectura, Música, Arqueoloxía e Museoloxía, Artes da Imaxe e Expertos nas Artes, a Real Academia de Belas Artes de Galicia da Nosa Señora do Rosario desenvolve labores de información e asesoramento internacional, ao tempo que promove a organización de cursos, ciclos de conferencias, audicións musicais, concertos, exposicións, ademais de, entre outras actividades, o Salón de Outono de Pintura, un certame de pintura contemporánea de recoñecido prestixio, de carácter internacional e periodicidade bienal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2015.