A profesora da USC Carmen Torres Maroño gaña o concurso de pintura ‘CreArte na Universidade’
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais entregoulle este mércores á profesora da USC María del Carmen Torres Maroño o premio do Concurso de pintura ‘CreArte na Universidade’, convocado polo mesmo centro no marco da súa Quincena Cultural. O xurado recoñeceu ademais como finalista a obra de Xoán Xosé Turnes Santos. No acto de entrega, que contou coa actuación musical da clarinetista e alumna do centro Raquel Fernández Fernández, o decano da Facultade de Xeografía e Historia e membro do xurado, Juan Manuel Monterroso Montero, fixo un percorrido polas obras dos fondos da facultade recentemente restauradas que están expostas na Aula Tomé. A estes fondos incorpórase agora a obra gañadora desta primeira edición do certame CreArte. O xurado estivo composto pola decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Emilia Vázquez; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o profesor Juan Manuel Monterroso; o artista gráfico Xurxo Martiño; e a comisaria de exposicións Cristina Carballedo.