Ir o contido principal

A profesora da USC María López Sández recibiu o Premio Repsol de Narrativa Breve 2012

María López Sández, durante a entrega do Premio Repsol de Narrativa Breve 2012
María López Sández, durante a entrega do Premio Repsol de Narrativa Breve 2012
A filóloga lucense recolleu o galardón pola obra

A filóloga lucense e docente na USC María López Sández recolleu na Coruña o premio que a recoñece como gañadora da sexta edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, dotado con 9.000 euros. A forma das nubes é a obra que resultou gañadora no que foi a edición máis participativa, xa que o xurado tivo que escoller entre 41 orixinais.

O acto de entrega do galardón estivo presidido polo vicepresidente da Fundación Repsol, César Galo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e Víctor Freixanes, director xeral da editorial Galaxia, que se encargará da publicación da obra.

En palabras de Freixanes, “ A forma das nubes é unha pescuda na infancia como xeito de comprender o amor e fuxir do desamparo no que nos deita a vida. No relato, a fotografía, o cine, a moda e a beleza configuran o pano de fondo desta narración que López Sández escancia cun ritmo intenso, constante; ritmo narrativo ao que se suma o contrapunto dun enigma central que a novela aproveita como recurso literario e como estímulo para o pensamento de quen le”.

López Sández, profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación da USC e docente no IES Xulián Magariños de Negreira, xa conta no seu currículo con outro galardón: o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio do ano 2007, pola obra Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2012.