A profesora da USC María Loureiro gaña unha das axudas para investigación en ciencias sociais da Fundación Ramón Areces
A profesora do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC Maria Loureiro acaba de lograr unha das once axudas que este ano concede a Fundación Ramón Areces no seu X concurso nacional de axudas á investigación en ciencias sociais. O acto da sinatura dos convenios e de entrega das axudas tivo lugar na sede da Fundación Ramón Areces en Madrid. En concreto, o financiamento que lle achega a fundación dirixirase a un proxecto de investigación que realizará unha análise da elección pública e das preferencias sociais sobre políticas de control do cambio climático, en concreto a enerxía verde e os combustibles limpos en España. Nesta convocatoria, altamente competitiva no ámbito estatal, acadaron financiamento once dos 72 proxectos presentados, concentrados os gañadores en tres importantes sectores como son a enerxía, a educación e a distribución comercial. A profesora Loureiro é a única investigadora de Galicia que acada esta achega na presente edición. Xunto co da USC, a Fundación Areces repartirá 396.000 euros entre os proxectos ‘Efectos da separación por xénero na educación en España’, ‘Igualdade de oportunidades e School Choice’, ‘ Políticas de apoio á eficiencia enerxética: taxas vs subvencións’, ‘O esforzo individual e a súa dependencia do contorno familiar e escolar como factores clave do rendemento escolar’, ‘A brecha de xénero no logro educativo: unha análise internacional das súas causas, magnitude e relevancia’, ‘ Crise de débeda pública e o sistema bancario’, ‘Os determinantes culturais do rendemento educativo’, ‘Cara a un marco integrado da distribución comercial na Unión Europea: as liberdades de prestación de servizos e de establecemento’, ‘O capital cliente en mercados minoristas de gran consumo’ e ‘O uso efectivo dos sistemas de reabastecemento automático nas cadeas de subministro dos detallistas’.