Ir o contido principal

A profesora Victoria Otero participa na xuntanza anual da Conferencia de Decanos de Matemáticas

Segunda pola dereita, a decana da Facultade compostelá María Victoria Otero Espinar, é a actual presidente da Conferencia. Foto: ULL
Segunda pola dereita, a decana da Facultade compostelá María Victoria Otero Espinar, é a actual presidente da Conferencia. Foto: ULL
A decana da facultade compostelá é a actual presidente deste colectivo

A necesidade de adaptar os programas oficiais dos título de Matemáticas ás novas demandas sociais produciu efectos positivos xa que ofrece á sociedade estudos máis atractivos, vinculados moitas veces a dobres titulacións ao tempo que se ofrece un mellor servizo público. Así o manifestou a decana da Facultade de Matemáticas, María Victoria Otero Espinar, no transcurso da décimo sétima Conferencia de Decanos de Matemáticas (CDM) que se celebra na Universidade de La Laguna na xuntanza anual que congrega os/responsables académicos desta disciplina nas universidades españolas.

A profesora Otero Espinar, que actualmente ocupa a presidencia da CDM, destacou a importancia destes encontro anuais da Conferencia xa que serven para xerar estratexias comúns, fixar obxectivos e compartir boas prácticas. A decana da Facultade compostelá tamén subliñou a relevancia da contribución da produción matemática española no ámbito internacional.

Como se puxo de manifesto no encontro o nacemento de novos nichos de mercado, a aparición de perfís profesionais ata agora inexistentes, a eclosión das TIC e a globalización dos mercados propiciou unha alta demanda arredor das matemáticas. Neste contexto, púxose de manifesto a modo de exemplo os datos da Enquisa de Poboación Activa de 2015 segundo a que a maior taxa de empregabilidade entre titulados universitarios -que alcanzaba un 80%- correspondía a graduados en Matemáticas.

Mª Victoria Otero Espinar tamén alertou sobre a “drástica diminución de recursos económicos dedicados a investigación” o que determina que “o panorama nacional non sexa moi óptimo” ao tempo que “se corre o risco de que a xeración mellor formada en matemáticas non atope o seu oco neste país”.

Na sesión inaugural desta xuntanza, a profesora Otero Espinar estivo acompañada polo reitor de La Laguna (ULL), Antonio Martinón; o decano da Facultade de Ciencias desta universidade, Néstor Torres Darias; a vicedecana da sección de Ciencias da ULL, María Candelaria González Dávida; e o alcalde de San Cristobal de La Laguna, José Alberto Dïaz Domínguez.

O programa da xuntanza inclúe sesións nas que se analiza a traxectoria das dobre titulacións relacionadas coas Matemáticas e se valoran os resultados dos procesos de renovación da acreditación dos graos en Matemáticas que se imparten en España, facendo especial fincapé nas dimensións relacionadas cos Sistemas de Garantia Interna de Calidade (SGIC), os resultados da aprendizaxe e os indicadores de satisfacción e rendemento e, dentro destes últimos, na taxa de abandono. Tamén se celebra unha mesa redonda onde se tratan distintos aspectos destes estudos en perspectiva de futuro, especificamente no relativo á investigación, á formación e á empregabilidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2017.