Ir o contido principal

Profesorado, Enfermaría, ADE e Relacións Laborais do Campus de Lugo celebran este venres os actos de graduación das súas últimas promocións

A primeira promoción dos graos en Mestre de Infantil e Primaria sitúa no mercado 172 titulados/as, mentres que Enfermaría egresa 58, ADE 59 e Relacións Laborais 23

As Facultades de Formación do Profesorado e de Administración e Dirección de Empresas, así como as escolas universitarias de Enfermaría e de Relacións Laborais do campus de Lugo celebrarán este venres, día 6 de xuño, cadanseu acto de graduación das súas últimas promocións de titulados/as, unhas sesións académicas que terán como protagonistas os/a 312 estudantes que completaron ao longo do presente curso académico 2013-2014 os programas formativos dalgún destes catro títulos de grao no campus lugués da USC.

A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo despedirá as primeiras promocións de titulados nos graos de Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria no marco dun acto académico, que se desenvolverá a partir das 18.00 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, e no que participarán as 91 persoas inscritas no último curso do grao en Mestre de Educación Primaria, así como as 81 matriculadas no grao de Mestre de Educación Infantil. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán, presidirá a celebración desta sesión académica, no marco da que tamén intervirán o decano da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, Francisco Rodríguez Lestegás; o profesor Santiago López Gómez, elixido polos/as estudantes como padriño desta primeira promoción, ademais de María Iglesias e Noelia Blanco, en representación dos estudantes de Educación Infantil, e Alberto Muñoz e María Baamonde, como voceiros dos novos graduados en Mestre de Educación Primaria. Segunda promoción do grao en Enfermaría A escola universitaria de Enfermaría do campus de Lugo celebrará este venres, a partir das 18.00 horas, no auditorio Enrique A. González García da Facultade de Veterinaria, o acto de graduación da súa segunda promoción de titulados/as, da que forman parte un total de 59 estudantes. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, será o encargado de abrir esta sesión académica, que inclúe o relatorio ‘Eloxio da enfermaría’, a cargo do profesor da escola universitaria e xefe médico do equipo de valoración de invalideces do INSS de Lugo, Ramón Roca Maseda, e que rematará cunha actuación da Coral do Hospital Universitario Lucus Augusti. A directora da escola universitaria de Enfermaría de Lugo; María Asunción Núñez Magdalena; o xerente de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, Antonio García Quintáns; a directora de Procesos de Enfermaría da EOXI Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada; a presidenta do Colexio de Enfermaría, Lourdes Bermello López, e Olga López Racamonde, madriña da promoción, serán outras das persoas que tamén interveñan como relatores neste acto académico. Segunda promoción do grao en Administración e Dirección de Empresas A Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo acubillará este venres, ás 19.00 horas, o acto de graduación da segunda promoción de graduados en ADE, formada por 59 persoas, e da derradeira promoción do Máster en Dirección de Empresas, un posgrao que veñen de rematar outros 15 titulados/as universitarios/as. O vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do campus de Lugo, Pablo Ramil, será o encargado de guiar esta sesión académica, na que tamén intervirán, ademais da decana da facultade, Begoña Barreiro; o decano do Colexio de Economistas de Lugo, Salustiano Velo; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o alcalde de Lugo, José López Orozco, e a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez. O director xeral de Alcor Seguridade, Carlos Somoza Fouces, designado padriño desta promoción, ofrecerá un relatorio baixo o título ‘As leccións da miña vida’ no marco deste acto académico, durante o que se procederá á entrega de diplomas e insignias aos/ás novos/as titulados/as, que estarán representados/as na sesión por Javier Prieto Pérez, Marta Vázquez Capón e Adrián Tella Villamarín. O acto de graduación inclúe tamén un recoñecemento público a Sandra Castro González, por ter o mellor expediente do grao en ADE na promoción 2009-2013. Cuarta promoción do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos A Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo celebrará este venres, día 6 de xuño, a partir das 19.30 horas, no salón de actos do devandito centro universitario, o acto de graduación da cuarta promoción de titulados/as do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, da que forman parte por un total de 23 persoas. O presidente da Fundación Campus Universitario de Lugo, Mario Outeiro, presidirá este acto académico, no que o padriño desta nova promoción de graduados, o profesor da devandita escola universitaria luguesa Carlos Montes Piñeiro, impartirá unha lección maxistral. A entrega de insignias e diplomas aos/ás novos/as graduados/as, a intervención de Jéssica Regueiro e Desirée Fernández, como representantes dos/as alumnos/as e o acto de recoñecemento ao mellor expediente da terceira promoción do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos marcarán o desenvolvemento desta sesión, na que tamén intervirá a directora do centro, Mercedes Montes Rodríguez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2014.