Ir o contido principal

As profesoras Alba Alonso e Marta Lois coordinan unha obra sobre xénero e política no seo da cuarta vaga feminista

De esquerda a dereita, María Rivas, Antonio López, Marta Lois, Yolanda Díaz e Alba Alonso. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, María Rivas, Antonio López, Marta Lois, Yolanda Díaz e Alba Alonso. FOTO: Santi Alvite
O volume 'Género y Política. Nuevas líneas de análisis ante la cuarta ola feminista' presentouse este luns na Casa de Europa nun acto que contou coa participación do reitor Antonio López e da ministra de Traballo e Economía Social e vicepresidenta terceira, Yolanda Díaz
Santiago de Compostela

A obra Género y Política. Nuevas líneas de análisis ante la cuarta ola feminista, coordinada polas profesoras da USC Alba Alonso e Marta Lois, recolle os debates e avances máis importantes dos últimos anos sobre a introdución da perspectiva de xénero no ámbito da Ciencia Política. Esta obra colectiva presentada este luns 6, na Casa de Europa,  dá conta das recentes investigacións levadas a cabo por expertas nas que se abordan novas preguntas, conceptos e enfoques enmarcados no empuxe da denominada cuarta vaga do movemento feminista. O acto de presentación estivo presidido polo reitor da USC, Antonio López, e contou coa participación da ministra de Traballo e Economía Social e vicepresidenta terceira Yolanda Díaz.

O reitor apelou á dimensión desta iniciativa no relativo á posta en valor da transferencia realizada pola investigación universitaria. Antonio López subliñou como, ao tratarse o feminismo unha aposta pola igualdade efectiva entre homes e mulleres, só cabe ser, parafraseando a Emilia Pardo Bazán, “feminista radical”. 

Pola súa parte, a vicepresidenta Yolanda Díaz abordou como o resultado do traballo de investigación realizado polas profesoras Alonso e Lois é un “compendio de medidas e andainas investigadoras, proba clara do que se fai nas nosas universidades”. A súa temática entronca coa idea central sobre a que se asenta a sociedade de hoxe en día, segundo a cal, “non hai democracia sen igualdade e sen políticas públicas que a garantan”. 

Marta Lois, en representación da coordinación da obra, profundou no capital inmenso realizado por mulleres de ciencia, innovación, de pensamento e de compromiso feminista no que constitúe un traballo “ilusionante”, dixo. Trátase dunha “obra útil nun sentido amplo da transferencia de coñecemento que se fai dende a universidade pública”.

A obra estrutúrase en tres partes. A primeira abrangue as reflexións normativas no campo da teoría política feminista e a teoría democrática; a segunda aborda o rol xogado polas institucións e as políticas públicas; e finalmente, o terceiro bloque analiza os actores e o comportamento político. Os traballos inéditos rexidos nesta obra teñen a vontade de avanzar na investigación académica pero, ao mesmo tempo, resultar útiles para ás persoas responsables da xestión ou decisión política na medida que permiten repensar as políticas contemporáneas e os seus desafíos actuais.

O volume conta con textos de investigadoras da USC como é o caso de María Xosé Agra Romero, Isabel Diz Otero e Natalia Paleo Mosquera. A profesora Lois aproveitou a súa intervención para dar as grazas á Rede Armela na que se enmarcan algunhas das asinantes da obra e que, baixo a coordinación da profesora Alba Nogueira, vén desenvolvendo, dende unha perspectiva interdisciplinaria, unha dialatada traxectoria de investigación dentro dos estudos de xénero e actividades formativas con perspectiva de xénero.

No acto tamén estiveron presentes, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2023.