Ir o contido principal

Os profesores Crispian Scully e Giorgio Franceschetti, investidos honoris causa pola USC

Os profesores Crispian Scully e Giorgio Franceschetti, investidos honoris causa pola USC
Os profesores Crispian Scully e Giorgio Franceschetti, investidos honoris causa pola USC

O médico, bioquímico e odontólogo, Crispian Scully, e o profesor emérito da Univesidade de Federico II de Nápoles e especialista en teoría electromagnética básica e aplicada, Giorgio Franceschetti, incorporáronse á cadro de doutores honoris causa da USC logo dun acto de investidura celebrado este venres 28 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidido polo reitor Juan Viaño.

Crispian Scully está considerado como unhas das persoas máis cualificadas e de maior prestixio mundial no ámbito da odontoloxía en pacientes especiais e da medicina oral, ámbitos nos que se desenvolve “unha frutífera relación coa USC, que se ten prolongado durante máis de 20 anos”, detallou no seu discurso o seu padriño neste acto e catedrático de Estomatoloxía, Pedro Diz Dios. Avalan a traxectoria investigadora do novo honoris causa da USC máis de 400 artigos de investigación traslacional e clínica cun índice h de 70, máis de 200 artigos de revisión, 150 capítulos e 34 libros.

A epidemioloxía e a etiopatoxenia do cancro oral son áreas que concentran os seus principais intereses investigadores, xunto coas infeccións víricas, as complicacións orais das inmunodeficiencias e o risco de transmisión ocupacional de procesos infecciosos. Como puxo de manifesto o profesor Diz Dios, a produción científica de Crispian Scully convérteno “nunha especie de visionario que escribe sobre o virus do ébola en 1996, sobre a encefalopatía esponxiforme transmisible humana no ano 2000 ou encabeza na actualidade unha campaña para promocionar a vacinación dos adolescentes varóns contra o virus do papiloma humano”.

O novo grao de honra concedido pola USC súmase aos tamén outorgados polas universidades de Atenas, Granada, Helsinky e Pretoria. Director do ‘Who collaborating Centre for Oral Health-General Health adscrito á OMS, o doutor Scully foi ademais asesor honorífico, entre outros, do Royal London Hospital, do Nuffield Orthopaedic Centre de Oxford, dos University College Hospitals e o Great Ormond Street Hospital for Children de Londres, así como do European Institute of Oncology de Milán. Como lembrou o seu padriño, en recoñecemento aos coidados odontolóxicos prestados a persoas con necesidades especiais, recibiu en 2002 o título honorífico de Comandante da Orde do Imperio Británico.

Crispian Scully reivindica a través do seu traballo que “a natureza e os coidados da saúde ten cambiado, con competencias cada vez máis globais e unha necesidade crítica de que os/as dentistas interactúen con outros profesionais sanitarios”, consciente de que “non se pode gozar dunha boa saúde xeral sen unha boa saúde oral”. Na súa opinión “aumentar os coñecementos médicos e científicos na formación clínica dos odontólogos é imprescindible, pero a todas luces insuficiente se non se incrementan os vínculos entre a educación médica e a odontolóxica para que así os profesionais da odontoloxía poidan crecer co progreso das ciencias biomédicas”.

Giorgio Franceschetti
Pola súa banda, Giorgio Franceschetti, proposto polo departamento de Física Aplicada, é unha autoridade recoñecida internacionalmente no campo da teoría electromagnética básica e aplicada. A relación do profesor italiano coa USC comeza nos anos 90 e desenvólvese a través dunha estreita colaboración co grupo de Sistemas Radiantes co que traballa en investigacións de carácter nacional e autonómico, na actualidade na liña das cidades intelixentes. En particular, e como el mesmo detallou, nos últimos anos “estamos desenvolvendo un sistema totalmente novedoso, sinxelo e económico para a monitorización da intensidade do campo electromagnético xerado polas antenas de telefonía móbil presentes nunha cidade”. O proxecto permitirá a avaliación da intensidade de campo en calquera parte da cidade, a calquera altura e en tempo real e abriría a posibilidade de que esta información estivese dispoñible en web para que calquera cidadán puidera acceder para coñecer a qué intensidade de campo se está vendo exposto, asegurándose que non sobrepasa o nivel de seguridade esixido”, explicou o profesor Franceschetti.

Como sinalou no seu discurso o catedrático de Electromagnetismo Francisco J. Ares Pena, padriño do novo honoris causa, o periplo vital e científico do profesor Franceschetti está impregnado polo seu convencemento de que “interacción, discusión e intercambio de ideas coa comunidade científica son soportes básicos no desenvolvemento da Ciencia”. Así a súa experiencia ao longo de décadas dedicadas á investigación e ao ensino lévano a afirmar que “a Ciencia non consiste unicamente na resolución de grandes problemas”, senón que debe atender o desenvolvemento de novas ideas, a exploración de novas opcións cara á investigación e “xulga como punto clave unha valiosa transferencia de información aos seus colaboradores e asociados”, explicou o profesor Ares.

Como resaltou o seu padriño neste acto, “o labor investigador de Giorgio Franceschetti é monumental”. É autor de máis de 300 artigos en revistas de alto prestixio internacional, 14 libros e máis de 7.000 citas, toda esta produción cun “selo común, unha visión innovadora que o fai posuidor de desenvolvementos que van moito máis alá do estado da arte”. Na actualidade é científico visitante distinguido do Jet Propulsion Laboratory da NASA para a investigación do estado profundo a través de ferramentas e procedementos electromagnéticos e dende 2010 ocupa a Bruno Kessler Honorary Chair na Universidade de Trento como responsable da dirección de programas de investigación innovadores na ELEctromagnetic DIAgnostic (ELEDIA).

A investidura de ambos os dous novos honoris causa da USC recoñecen o seu traballo continuado ao longo de varias décadas e a súa “ actitude vital, imprescindible para avanzar no coñecemento”, aseverou o reitor Juan Viaño pechando o acto. A ciencia “non se fai só con grandes ideas e moito traballo”, engadiu, “a ciencia tamén se fai con xenerosidade e coa responsabilidade de crear equipos de traballo que permitan avanzar no coñecemento de forma clara e rotunda”. Aos dous novos integrantes do cadro de honra da USC o reitor agradeceu o seu talento e a súa xenerosidade por “compartilo coa comunidade científica e crear dúas escolas que definen o camiño a seguir para moitos dos mozos e mozas que agora comezan a súa carreira investigadora.

Xunto ao reitor compostelán, completaban a mesa presidencia o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Gloria Pena Urís; e os vicerreitores de Organización Académica e Profesorado, Luís Lima; e de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2016.