Ir o contido principal

Profesores de Historia do Cine da USC participan estes días na Laguna nunhas xornadas sobre 'Fotografía, Cine e Historia da Arte'

O catedrático Luis Hueso encabeza un grupo de profesores da USC que estes días participan na Universidade da Laguna nas xornadas ‘Fotografía, Cine e Historia da Arte’ nas que se pretenden reivindicar a entidade propia das disciplinas audiovisuais e a súa presenza nas ensinanzas artísticas. O profesor Hueso está acompañado polos profesores José Mª Folgar de la Calle e Xosé Nogueira Castro.
No transcurso das xornadas analizarase a integración da historia do cine e a fotografía no discurso xeral das artes e qué estratexias de futuro se formulan os especialistas na materia para conseguilo. Ademais, os participantes discutirán a posibilidade de instaurar posgraos interuniversitarios en estética e historia do cine e a fotografía.
As xornadas, nas que participan representantes de numerosas universidades españolas, pretenden proclamar a pertinencia de que o audiovisual siga formando parte do contido docente da titulación de Historia da Arte, no marco da reestruturación do mapa de carreiras universitarias que suporá o Espazo Europeo de Educación Superior.
A de Santiago foi a primeira universidade española que contou con profesorado estable na materia de Historia do Cine, e das primeiras que impartiron esta especialidade con carácter obrigatorio dentro do Departamento de Historia da Arte.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2007.