Ir o contido principal

Profesores do IBADER e do SIT participaron na elaboración da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos locais da Deputación luguesa

O profesor Rafael Crecente foi participou na elaboración desta enquisa
O profesor Rafael Crecente foi participou na elaboración desta enquisa

A Deputación Provincial de Lugo vén de poñer en marcha a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL), que foi presentada polo presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do responsable do proxecto e Director do Sistema de Información Territorial da USC (SIT), Rafael Crecente, e do Subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero, como representante do Ministerio de Administracións Públicas (MAP).
Este documento contén información sobre os 2.723 núcleos de poboación da provincia. Trátase dun instrumento básico de análise e valoración das necesidades de dotacións locais para efectos de cooperación económica local do Estado, elaborada segundo o método común para as Deputacións provinciais establecida polo MAP.
No acto, no que tamén estiveron presentes o xerente territorial do Catastro e delegado de Economía e Facenda, Luis Fernando López Jácome, o delegado provincial do Instituto Nacional de Estatística, José Manuel Colmenero, e o delegado provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, Daniel Núñez, Gómez Besteiro, destacou que “hoxe é un día importante para a Deputación porque presentamos unha arma útil que no pasado estivo vencellado aos Plans Operativos Locais e que será un instrumento eficaz de cara ó futuro, xa que contén información de gran importancia para os Concellos”.
Desde o ano 1985 o Ministerio de Administracións Públicas traballa coas Deputacións na elaboración destas enquisas. No ano 2000 a institución provincial e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron un convenio para a creación deste instrumento, elaborando un inventario detallado das infraestruturas e equipamentos locais dos 66 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, pero que “estivo metido nun caixón”. Neste senso, o titular da Deputación subliñou que “agora a presentamos en sociedade para que todo o mundo teña acceso. Ademais, poderá consultarse na páxina web da Deputación”. Gómez Besteiro explicou que “o primeiro que fixemos foi remitirlles unha copia aos alcaldes e alcaldesas da provincia para que a utilizasen para os respectivos concellos. A enquisa permitiralles, entre outras cuestións, elaborar un documento de diagnose nos respectivos Plan Xerais de Ordenación Municipal”.
Participación de profesores da USCNa súa elaboración colaboraron a Deputación de Lugo, a USC e o Ministerio de Administracións Públicas. Gómez Besteiro sinalou que se trata “dun fito histórico que demostra o vencellamento entre a Deputación e a Universidade de Santiago de Compostela, e nese senso temos que sentirnos orgullosos de que estea a dar bos froitos”.
En total, participaron 70 persoas, entre as que se atopan 5 profesores, que forman parte do grupo de investigación do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural ao cal tamén pertence o INLUDES) e do SIT (Sistema de Información Territorial da USC).
A actualización e mantemento será efectuada polas entidades que participan na súa elaboración, correspondendo ao MAP o seguimento destas tarefas e a colaboración económica nelas.
Contidos da EIELA EIEL está elaborada segundo o modelo de datos do MAP. Como novidade inclúe por primeira vez ortofotos, mapas fotográficos elaborado con fotografías aéreas. Segundo a distribución do Ministerio, a información divídese en infraestruturas (estradas, abastecemento e saneamento de auga, recollida e eliminación de residuos urbanos), equipamentos (instalacións deportivas, centros culturais, centros educativos, sanitarios, etc), poboamentos por cada entidade de poboación e información demográfica, planeamento urbanístico a nivel municipal e novas tecnoloxías.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2008.