Ir o contido principal

Profesores de tres universidades de México e Guatemala visitan o campus de Lugo para estudar novas vías de colaboración

Profesores da Universidade de Santiago acompañan a representantes universitarios de México e de Guatemala de visita pola cidade de Lugo
Profesores da Universidade de Santiago acompañan a representantes universitarios de México e de Guatemala de visita pola cidade de Lugo
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, ofrecerá este mércores unha recepción á delegación latinoamericana en Compostela

O vicerreitor de Proxección Exterior do Colexio de Posgraduados de México, Alberto Enrique Becerril, e o coordinador do programa de doutoramento en Agricultura e Medio Ambiente da Universidade San Carlos de Guatemala, Marvin Salguero, e dous representantes da Universidade Juárez do Estado de Durango participaron este martes nun encontro na Escola Politécnica Superior con diversos profesores e investigadores do campus de Lugo. Nesta sesión informativa, os representantes latinoamericanos, que estiveron acompañados polo profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago Agustín Merino, abordaron as actuais e futuras oportunidades de cooperación no eido investigador entre a Universidade de Santiago e os seus centros de procedencia.

A posta en marcha este curso na Universidade de Santiago de Compostela do programa de doutoramento internacional en Agricultura e Medio Ambiente, un posgrao verificado pola Aneca e que xa comezou a impartirse o pasado exercicio académico na Universidade San Carlos de Guatemala, constitúe o eixo fundamental da visita desta delegación académica procedente de México e de Guatemala ao campus lucense. O vicerreitor de Proxección Exterior do Colexio de Posgraduados de México, Alberto Enrique Becerril, e o coordinador do programa de doutoramento en Agricultura e Medio Ambiente da Universidade San Carlos de Guatemala, Marvin Salguero, aproveitaron a súa estadía no campus lugués para coñecer a actividade desenvolvida por algúns grupos de investigación, ademais das súas instalacións e tamén outros procedementos de xestión. Estes dous responsables académicos de Latino América visitarán este mércores, día 11 de setembro, Santiago, onde está previsto que participen nunha xuntanza co reitor Juan Casares para logo ter outros encontros con grupos de investigación e visitar estruturas de xestión e outras infraestruturas singulares da USC. Doutoramento Internacional en Agricultura e Medio Ambiente O programa de doutoramento internacional en Agricultura e Medio Ambiente atopa a súa orixe nun proxecto da Axencia Europea de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) desenvolvido ano ano 2009 e que que abre a porta á formación de doutoramento de persoal docente das universidades dalgúns países de América Latina, especialmente dos países centroamericanos, e tamén doutros centros de investigación. Para a Universidade de Santiago, esta estratexia posibilita tamén o acceso a proxectos de cooperación ao desenvolvemento, sobre todo no que supón para a captación de fondos e de persoal. O ánimo deste programa de doutoramento pasa por integrar universidades de diferentes países de Iberoamérica, unha pretensión que vén a confirmar a próxima incorporación ao programa do Colexio de Posgraduados de México (Colpos), un dos centros de maior referencia na formación de posgraduados en agricultura e medio ambiente en América Latina. Unha das oportunidades que aprecia o Colpos para sumarse a este programa de doutoramento internacional é a que afecta á proxección internacional da súa oferta académica, un feito que podería repercutir na captación de alumnos doutros países. O Colexio de Posgraduados de México pretende tamén afondar na colaboración en proxectos internacionais, ao tempo que traballa na renovación de determinadas estruturas relacionadas coa infraestrutura científico técnica e tamén co emprendemento universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2013.