Ir o contido principal

Profesores da USC contribúen desde hai cinco anos a dinamizar a internacionalización do Campus de Lugo

A Oficina de Relacións Exteriores de Lugo está a dinamizar o movemento de universitarios coa posta en marcha de todo o seu potencial para facer do Campus de Lugo un destino apetecible para os estranxeiros. Os coordinadores dos programas de mobilidade xogan un rol fundamental á hora de guialos cando chegan, ao tempo que preparan aos estudantes da USC cando deciden ampliar os seus coñecementos nunha facultade estranxeira. Catro destes profesores analizan a situación da mobilidade no campus lugués, e recoñecen que o nivel de mobilidade nas súas facultades é baixo pero que vai en aumento, grazas á dinamización feita nos últimos anos.
O profesor da Escola Politécnica Superior Alberto Rojo coordina desde o curso 2004-2005 o convenio entre a USC e a Universidade de New Brunswick de Canadá, no intercambio bilateral de estudantes e persoal docente e investigador. A colaboración xurdiu cando “un profesor da Facultade Forestal da Universidade, Ted Robak, veu en 2001 á EPS cos seus alumnos”.
"A raíz desa visita decidimos realizar un convenio entre as nosas universidades”, explica. Segundo a súa experiencia en intercambios, Rojo apunta que New Brunswick supón unha gran vantaxe para os estudantes de Forestais e Montes de Lugo, “porque Canadá é un país punteiro nestes temas”. De momento, a EPS enviou alí a 16 alumnos da EPS. Non reciben, pola contra, ningún alumno canadense pero ”o Campus de Lugo entraría na preferencia de máis estudantes estranxeiros se se fixera publicidade noutras universidades, mellor de forma presencial, da nosa universidade e da nosa cidade”, asegura Rojo.
Da mesma opinión é Isabel González Rey, da Facultade de Humanidades, que como profesora de francés é “moi sensible á importancia das linguas estranxeiras na formación dun estudante de cara a mellorar as súas oportunidades de traballo” e indica que debería darse a coñecer o Campus de Lugo dun xeito máis directo, “que é o labor esencial dun coordinador cando viaxa aos centros estranxeiros”, aínda que, “podemos dicir que estamos empezando a notar os resultados dos esforzos pasados, xa que este campus vai acollendo pouco a pouco máis estudantes de fóra. Queda pendente, sen embargo, mellorar estes resultados e fomentar que saian máis os nosos”.
ErasmusEste é o obxectivo que sen dúbida mellor acadou o programa Erasmus, segundo comenta Germán Santamarina, coordinador na Facultade de Veterinaria. “Isto reflíctese no número crecente de alumnos que solicitan en fan o intercambio, tanto os que se van como os que veñen. Algún destes alumnos quedou no seu destino desenvolvendo a súa actividade profesional. A presenza de compañeiros doutras nacionalidades compartindo recursos comúns contribúe enormemente á sensación dunha Europa común”, explica.
Desde que tomou posesión do seu cargo de vicedecano de Estudantes e Relacións Exteriores da Facultade de Veterinaria, Santamarina puido comezar a desenvolver o seu labor de coordinación dos programas de mobilidade, o que lle permitiu tomar impresións sobre a titulación de Veterinaria.
“Os estudantes foráneos veñen inicialmente atraídos pola sona e polo prestixio da nosa Facultade, e ao longo da súa estadía é cando descobren as bondades do Campus de Lugo, da cidade e da nosa comunidade”, afirma. “A de Veterinaria –prosegue– destaca como unha das facultades da USC que máis mobilidade estudantil ten”.
Segundo Santamarina, as bolsas Erasmus foron e son unha avanzada na evolución do Espazo Europeo de Educación Superior en tanto que fan posible acadar unha titulación seguindo un programa de formación en países distintos, e serven de experiencia para valorar as diferenzas e similitudes entre os distintos programas no camiño da creación de un sistema equiparable de titulacións.
O decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, asumiu tamén a responsabilidade de coordinar os programas de mobilidade no seu centro co fin de fomentar a internacionalización dos estudos da Facultade de Ciencias que, segundo apunta, destaca como unha das preferidas para os estudantes europeos, sobre todo “no caso da titulación en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, que dende hai dous anos rexistra unha maior incorporación de alumnos procedentes de Europa cara o Campus de Lugo”.
Segundo as estatísticas de cada centro, os países cos que o campus lugués ten unha maior relación, polos estudantes entrantes e saíntes, son Francia e Inglaterra, no caso de Humanidades; Polonia en Veterinaria; Alemaña e todos os países iberoamericanos en Ciencias, engadindo a estas dúas últimas titulacións os convenios con Portugal e Italia.
FormaciónA nivel formativo os universitarios da EPS teñen a posibilidade de coñecer outras realidades e de abrir os ollos a outros mundos, independentemente da calidade do ensino noutros centros. No caso de New Brunswick, “os alumnos regresan moi contentos do seu sistema de ensino, que é unha avaliación continua, na que se deben facer traballos constantemente e no que o exame final ten pouco peso, o cal é bastante parecido ao sistema ECTS que pretende instalarse en España para integrarnos no Espazo Europeo de Educación Superior”, indica Alberto Rojo.
Isabel González comenta neste sentido que o estudante ten a oportunidade de coñecer culturas diferentes, outros sistemas universitarios, “xente que coma eles veñen doutros países e cos que pode compartir experiencias”. Os programas de mobilidade están a propiciar a existencia dun campus distinto e máis avanzado, e máis “tolerante e enriquecido”, en palabras de Germán Santamarina. No caso da EPS, Alberto Rojo asegura que “é fundamental que os nosos estudantes se globalicen, e de feito, regresan cunha mentalidade más aberta”. Pero indica pola contra que este avance non é suficiente, porque de momento “enviamos fóra moitos máis alumnos dos que recibimos”.
Entre as peculiaridades da Universidade en Lugo, Isabel González destaca que, ademais de ser un campus novo, con instalacións modernas e ben equipadas, os alumnos estranxeiros “atoparían aquí unha calidade de vida e de formación académica extraordinaria”, no senso literal do termo de “fóra do común”, xa que “a atención ós nosos alumnos é moi próxima, moi familiar”.
Lugo, ademais, “é unha cidade ben situada para moverse dun punto a outro de Galicia, cerca da costa e da montaña. Doutra banda, os alumnos estranxeiros dispoñen dunha ampla gama de licenciaturas, con centros próximos os uns dos outros, se queren compaxinar materias de centros diferentes”.
Alberto Rojo, tamén subliña o nivel educativo do campus. Un campus “moderno dinámico e de calidade” di Santamarina. Francisco Fraga defende a “boa estruturación” das titulacións que se ofertan “cun profesorado de calidade e nunha cidade acolledora que permite a súa integración de forma sinxela”.
Á hora de visitar centros estranxeiros para dar a coñecer as diferentes disciplinas impartidas no Campus de Lugo, Francisco Fraga resalta o bo nivel académico das titulacións ofertadas no centro, que “no caso da Enxeñería Técnica Industrial fomos Plan Piloto de Acreditación a nivel nacional, tendo superado este proceso cunha alta valoración”.Rojo comenta que na súa viaxe á Universidade de Juárez do Estado de Durango en México, tratou de “destacar as bondades académicas da EPS, no meu caso do meu grupo de investigación, a Unidade de Xestión Forestal Sostible, que é un grupo de referencia competitiva do Sistema Universitario de Galicia, e do programa de doutoramento do Departamento de Enxeñaría Agroforestal, con mención de calidade do Ministerio de Educación”. Pero ademais explica Rojo que hai que presentar moi ben a rexión e a cidade, “pois creo que tamén xogan un papel moi importante á hora de que unha persoa se decida a vir. Tamén hai que falar das posibilidades de financiación para as estancias, que de momento son escasas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.01.2009.