Ir o contido principal

Profesores da USC e de universidades africanas participarán este martes nun encontro científico no Campus de Lugo

A xuntanza continuará o mércores en Santiago

Representantes da USC e de universidades de Níxer e Senegal participarán na xuntanza científica que comezará este martes 20 ás 11:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Humanidades de Lugo. Sociólogos, antropólogos e filósofos compoñen o grupo de traballo deste encontro internacional financiado pola Axencia Española para a Cooperación e o Desenvolvemento no que se debaterá sobre a participación da muller en diferentes programas e institucións de cambio social en Europa e África. A organizadora e coordinadora deste encontro, a profesora da Facultade de Humanidades María Xesús Vázquez Lobeiras, abrirá a rolda de participacións cun relatorio sobre ‘Muller e dereitos humanos: políticas de xénero no contexto da globalización’. A conferencias e debates manteranse ata as 18:30 horas tratando temas relacionados coa situación da muller no continente africano ou co turismo étnico. Segunda xornada en Santiago As sesións de traballo deste foro científico trasladaranse o mércores 21 á Facultade de Filosofía da USC. Nesta xornada os congresistas falarán sobre o feminismo intercultural, a alfabetización das mulleres e o movemento feminista en Níxer.

A celebración deste encontro internacional favorecerá a creación de lazos de cooperación no ámbito universitario ao tempo que vai servir de punto de encontro para o debate e o intercambio de experiencias dos especialistas nos estudos de xénero, unha área de coñecemento que pode contribuír de xeito destacado ao desenvolvemento social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2010.