Ir o contido principal

Profundan na USC na Educación para o Desenvolvemento

As xornadas congregan centos de participantes en Ciencias da Educación (Foto: SERVIMAV-USC)
As xornadas congregan centos de participantes en Ciencias da Educación (Foto: SERVIMAV-USC)

Por terceiro ano consecutivo, a Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) desenvolve unhas xornadas dedicadas á Educación para o Desenvolvemento (ED) que, por primeira vez, tende pontes coa Campaña Mundial da Educación que tamén vén sumando esforzos no centro.

A Campaña Mundial pola Educación é unha coalición internacional presente en máis de 124 países que nace no ano 2000 co obxecto de sensibilizar e mobilizar a cidadanía como portavoces e activistas do dereito á educación e incidir nos representantes políticos para que cumpran os seus compromisos co dereito á educación.

As xornadas inauguráronse nun acto no que participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a secretaria da Facultade anfitrioa, Cristina Abeal; o representante da Asociación para o Comercio Xusto e Solidario Panxea Gonzalo M. Gesto Quiñoy, e Mónica Viqueira Martínez, da Campaña Mundial pola Educación.

Este ano a xornada enmárcase dentro do proxecto ‘USC sostible, comercio xusto, ciclos curto de distribución e consumo responsable’, financiado por Cooperación Galega e desenvolvido pola Asociación para o Comercio Xusto e Solidario Panxea e a USC.

No programa do encontro conflúen catro iniciativas financiadas por Cooperación Galega: o proxecto sobre comercio xusto da USC, a CME, o Plan Proxecta e ‘Investigando a dimensión global da ED’, un proxecto piloto de investigación-acción colaborativa nun centro de ensinanza secundaria de Galicia, desenvolto entre SIG e a UDC.

Ademais dos diferentes relatorios nos que se darán a coñecer proxectos de ED, haberá ocasión para que o estudantado da USC presente experiencias educativas e participe en obradoiros sobre recursos e estratexias educativas.

De dereita a esquerda, Mónica Viqueira, Cristina Abeal, Dolores Álvarez e Gonzalo Gesto (Foto: SERVIMAV-USC)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2017.