O programa ‘Astronomía Itinerante’ do Observatorio Astronómico chega a Guitiriz e Ribadeo

‘O ceo de Ribadeo, hoxe’ é o título da conferencia que este venres 10 imparte o profesor Pedro Pablo Campo na Casa das Letras de Ribadeo dentro da iniciativa ‘Astronomía Itinerante’ incluída na programación de divulgación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Esta xornada itinerante de iniciación á astronomía, que este venres tamén chegou á Guitiriz da man do profesor José Ángel Docobo, desenvolverase ás 20.00 horas incluíndo unha sesión de observación. Ademais de Astronomía Itinerante, o Observatorio organizou este curso actividades de astronomía para nenas e nenos, cursiños de iniciación, visitas guiadas ou obradoiros de telescopios, así como o XV Programa de Extensión Cultural de Astronomía, este ano aberto a toda a sociedade.
A programación de divulgación ‘Astronomía para Todos’, desenvolvida dentro da Semana da Ciencia e meses seguintes, conta co respaldo da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía sendo un dos oito centros galegos que en 2011 acadou financiamento desta fundación para a divulgación científica.