Ir o contido principal

O programa 'Camiños de coñecemento e experiencia' do IV Ciclo chegou a 610 estudantes

A vicerreitora Pilar Murias, no centro, presidiu o acto de clausura. FOTO: Santi Alvite
A vicerreitora Pilar Murias, no centro, presidiu o acto de clausura. FOTO: Santi Alvite
Participaron persoas de 28 concellos das catro provincias galegas

O Salón Nobre de Fonseca acolleu este martes 12 o acto de clausura do programa do IV Ciclo da USC que leva por título 'Camiños de coñecemento e experiencia'. Asistiron a este evento a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o subdirector xeral de Atención Sociosanitaria e Innovación Asistencial da Consellería de Política Social, José Javier Ventosa; o profesor da Universidade de Vigo Victoriano Nodar e a directora do IV Ciclo Esther Olveira.

A apertura do acto correu a cargo de Pilar Murias e tras ela interviron Esther Olveira, o estudante do concello de Porto do Son, Manuel Maneiro Santamaría e o profesor e colaborador de IV Ciclo Victoriano Nodar. A continuación entregáronselles diplomas ás persoas que asistiron en representación dos concellos participantes no programa e falou o subdirector xeral José Javier Ventoso, clausurando o acto a vicerreitora Pilar Murias.

Nesta edición do programa participaron 610 estudantes das catro provincias galegas, procedentes de 14 concellos da provincia da Coruña, oito da provincia de Lugo, cinco da provincia de Pontevedra e un da provincia de Ourense.

Os temas abordados nas charlas desta edición foron os seguintes: 'Enfrontándonos á soidade non desexada', 'Idadismo, desterrando prexuízos I', 'A carta xeográfica de Galicia de Domingo Fontán', 'Moda, arte e historia: unha lectura diferente do patrimonio galego', 'Alimentación saudable', 'A importancia de ver ben en todas as etapas da vida', 'Visita ao Castro da Cidá', 'Interpretación do etiquetado dos alimentos', 'Museos e Patrimonio Cultural... 90 años do Museo Provincial de Lugo', 'A fauna na paisaxe', 'Astronomía nun día solleiro: os reloxos de sol', 'Elementos básicos para a nutrición saudable dos adultos e persoas de idade avanzada', 'Biodiversidade e conservación' e 'Para que serven os insectos?'.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2023.