Ir o contido principal

O Programa Conciencia recibe a vindeira semana a Finn E. Kydland, Premio Nobel de Economía

O Programa Conciencia recibe a vindeira semana a Finn E. Kydland, Premio Nobel de Economía
O Programa Conciencia recibe a vindeira semana a Finn E. Kydland, Premio Nobel de Economía

O Premio Nobel de Economía Finn E. Kydland visitará a próxima semana a Universidade de Santiago convidado polo Programa ConCiencia. O acto central da visita será a conferencia do venres 8, ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, que leva por título ‘ Política económica e o crecemento dos ingresos das nacións’.

Finn Kydlan, profesor da Universidade de California-Santa Bárbara (EE.UU.), acadou o Premio Nobel de Economía en 2004 –compartido con Edward C. Prescott– “polas súas contribucións á macroeconomía dinámica, en concreto, a consistencia temporal da política económica e as forzas impulsoras detrás dos ciclos económicos". Mostrou que as políticas económicas a miúdo están infestadas de problemas de inconsistencia temporal, e demostrou que a sociedade podería beneficiarse dun compromiso previo coa política económica e presentou novas ideas sobre o seu deseño e as forzas impulsoras detrás dos ciclos económicos.

Finn E. Kydlan Nado en Ålgård (Noruega) en 1943, graduouse na Escola Norueguesa de Economía (NHH) en 1968 e obtivo o doutoramento en Economía na Universidade Carnegie Mellon de Pittsburgh (Pensilvania, Estados Unidos) en 1973, cunha tese sobre o plan macroeconómico descentralizado. En 1978 iniciou a súa traxectoria como docente na propia Universidade Carnegie Mellon. Os campos de investigación de Kydland son a economía xeral e política. As súas áreas principais do ensino e de interese son os ciclos económicos, a política monetaria e fiscal e a economía do traballo.

Ademais de docente na Universidade de California-Santa Bárbara é tamén profesor adxunto do NHH de Noruega e da Universidade Torcuato Dei Tella de Buenos Aires (Arxentina). Desde que reside en Estados Unidos mostrou grande interese pola economía e a cultura dos países hispanos, de aí que coñeza profundamente as realidades de Arxentina, onde viviu e investigou, Colombia e Cuba.

Neses dous últimos países centrou o seu interese desde o Observatorio de Investigación da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras, que preside desde 2011, no que lidera estudos dirixidos a investidores españois sobre os mercados de Acerbaixán, Ucraína, México, Cuba e Colombia. Actualmente traballa na elaboración de estudos similares en Kazajistán e Bielorrusia. Coñecidas son tamén as súas contribucións macroecónomicas para o fin do illamento cubano. Alén da docencia, é consultor nos bancos da Reserva Federal de Estados Unidos de Dallas, Minneapolis e Cleveland.

O Programa Conciencia, da USC e o Consorcio de Santiago, trae a Compostela a Kydlan coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Economía, Industria y Competitividad, e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.05.2018.