Ir o contido principal

O programa de detección do talento precoz en matemáticas Estalmat-Galicia abre a súa inscrición

O obxectivo de Estalmat-Galicia é detectar e prestar atención a nenas e nenos con talento matemático. Imaxe de arquivo de probas realizadas en anos anteriores. FOTO: Santi Alvite
O obxectivo de Estalmat-Galicia é detectar e prestar atención a nenas e nenos con talento matemático. Imaxe de arquivo de probas realizadas en anos anteriores. FOTO: Santi Alvite
O proceso de selección no que é posible inscribirse ata o 30 de maio, está dirixido a nenos e nenas nacidos nos anos 2008, 2009 ou 2010 que deberán superar unha proba de aptitude e unha entrevista persoal
Santiago de Compostela

“Adestrar futuros científicos/as, que ademais de coñecer métodos e técnicas, aprecien as matemáticas polo seu papel no desenvolvemento da ciencia en xeral e da cultura”. Así define a organización de Estalmat-Galicia o horizonte que persegue este programa para a detección e o estímulo do talento precoz en matemáticas. Dirixido a estudantes nacidos nos anos 2008, 2009 ou 2010, Estalmat-Galicia abre o seu prazo de inscrición ata o 30 de maio a través deste formulario electrónico.

O proceso de selección atópase estruturado en dúas fases. Dunha banda, o sábado 4 de xuño, ás 10.00 horas, en cada nunha das cinco sedes de Estalmat-Galicia (IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo na Coruña, IES Eduardo Blanco Amor en Ourense, IES Castelao en Vigo, Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo e Facultade de Matemáticas da USC en Santiago de Compostela) desenvolverase unha proba de aptitude. Esta parte consistirá na resolución de varios problemas.

Ademais, unha vez corrixidas as probas, levarase a cabo unha entrevista individual cos nenos e nenas preseleccionadas na proba de aptitude, acompañados da súa nai, pai ou titores, que previamente serán avisados persoalmente. Está parte atópase encamiñada a avaliar o interese e o grao do compromiso co proxecto.

Programa de actividades

Os estudantes seleccionados comprométense a asistir ao longo dos cursos académicos  2022-23 e 2023-24, ás  actividades formativas que se programen nas mañás dos sábados (normalmente, 20 sábados cada curso)  e, con carácter voluntario, continuar no ano 2024-25 nas actividades de Estalmat-Pi ou 3º curso (ao redor de 15 sesións anuais). As actividades adoitan desenvolverse na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

Historia

O proxecto Estalmat-Galicia iniciou a súa andadura no curso 2007-2008, integrado no proxecto Estalmat, iniciativa da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España. Conta co apoio da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, da Axencia Galega de Innovación, do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e da Facultade de Matemáticas da USC. Nas diferentes edicións, as Deputacións das catro provincias galegas apoiaron economicamente o programa.

O obxectivo de Estalmat-Galicia é detectar e prestar atención a nenas e nenos con talento matemático. “Trátase de desenvolver aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, pasalo ben coas matemáticas ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade”, explica a decana da Facultade de Matemáticas e presidenta do Comité Organizador de Estalmat-Galicia, Elena Vázquez Cendón. O equipo académico está composto por máis de 60 docentes de ensino medio e das tres universidades galegas das áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e, maioritariamente, Matemáticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.05.2022.