O programa de doutoramento conxunto en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar do Campus do Mar xa é unha realidade

O programa de doutoramento conxunto en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar será unha realidade a partir do vindeiro curso 2012-2013 logo de ser aprobado ma última xuntanza do Consello Reitor de Campus do Mar na que participou o reitor compostelán, Juan Casares Long. Será un dos poucos programas de doutoramento no ámbito internacional que conte coa participación de ata oito institucións no seu deseño e desenvolvemento e con 400 doutores e doutoras na dirección de teses. Na sesión os integrantes do Consello deron tamén luz verde ao plan de actividades e ao orzamento do Campus do Mar para o próximo ano, que ascenderá a preto de 5 millóns de euros. Unha vez asinados por parte dos membros do Consello Reitor do Campus do Mar os acordos interinstitucionais para poñer en marcha o programa de doutoramento conxunto, estes documentos serán remitidos a todos os organismos que integran o campus para a súa ratificación e así poñer en marcha o proceso para a implantación do doutoramento. Un programa que segundo o director de Campus do Mar, Emilio Fernández, é un fiel reflexo da vocación de agregación que conforma o propio campus polo que “non ten sentido facer 20 programas de doutoramento, senón un único programa moi potente que nos permita que nos visualicen deste o exterior”. Proba da dimensión que acadará o programa de doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar son as 100 ou 150 teses anuais que se poden xerar por parte dun alumnado que abarca deste A Coruña ata a Aveiro e ao que se sumaría todo o estudantado chegado de fóra de Galicia e o Norte de Portugal. “Todas as teses de temática mariña e marítima que se elaboren no noroeste peninsular se lerán dentro de este programa de doutoramento”, explica Emilio Fernández. Entre as novidades destaca o feito de que o alumnado terá que defender o seu proxecto de tese antes de iniciar a súa elaboración, conforme ao modelo anglosaxón, e que para ler o traballo doutoral será necesario ter cando menos unha publicación nunha revista internacional. Ademais de unha pequena parte docente, esencialmente virtual, aínda que tamén contará coa presenza física de destacados docentes e investigadores, o programa de doutoramento incluirá cursos de alto nivel e cursos complementarios co obxectivo de facer teses transversais nas que non haxa ningunha área temática que non se poida abordar.