O programa de doutoramento europeo Nanofar reúne na USC as máis prestixiosas autoridades en nanomedicina
Trinta e cinco científicos do máis alto nivel –oito deles da USC– trasladaranlle o seu coñecemento e experiencia no campo da nanomedicina a 60 estudantes de doutoramento seleccionados de toda Europa que participarán a vindeira semana en Santiago na Escola de Outono de formación do Programa de Doutoramento Europeo en Nanomedicina (NANOFAR, Erasmus Mundus Joint Doctorate) que organiza a USC. A inauguración será o luns 21 ás 9.30 horas no CIMUS (Campus Vida) e nela participará o reitor Juan Casares. Trátase dunha actividade formativa e científica excepcional na que colaboran as Plataformas Europea e Española de Nanomedicina, la rede COST en Teranóstico en imaxe e terapia e o consorcio europeo TRANS-INT liderado pola USC (Novas nanomedicinas orais: transportando macromoléculas terapéuticas a través da barreira intestinal). Os contidos inclúen conferencias, mesas redondas e sesións de comunicacións sobre os aspectos máis relevantes e actuais da nanomedicina, como poden ser o deseño de nanosistemas, as súas interaccións con sistemas biolóxicos ou a nanoterapia dirixida, así como outros de interese como a ética científica, o emprendemento ou as relacións coa industria.
O Erasmus Mundus Nanofar está coordinado pola Universidade francesa de Angers e nel participan as universidades de Santiago de Compostela, Nantes (Francia), Liège e Louvain (Bélxica) e Nottingham (Reino Unido). Na súa xunta directiva participan da USC Noemi Csaba, Anxo Vidal, Fernando Domínguez e María José Alonso.