Ir o contido principal

O programa INITIA da USC foi premiado no concurso internacional Ciencia en Acción

Nesta iniciativa participan en Lugo alumnos de catro institutos

O Programa INITIA, coordinado polo profesor do Campus de Lugo Urbano Fra, foi premiado esta pasada fin de semana no Museo de Ciencia de Valladolid cunha mención de honra na modalidade de Ciencia e Tecnoloxía no concurso internacional Ciencia en Acción, en recoñecemento do seu labor en prol da difusión da ciencia e a tecnoloxía.
INITIA é una iniciativa promovida pola Sección Ibérica da Sociedade Científica Sigma Xi, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Consellaría de Educación da Xunta de Galicia. Ten como obxectivos promover o interese pola actividade científica, polo estudo e o coñecemento do método científico aplicado ás distintas disciplinas das ciencias experimentais, sociais e humanidades nos alumnos de Ensino Secundario. A través deste programa, os alumnos dos IES de Lugo A Piringalla, Ánxel Fole, Lucus Augusti e Politécnico realizan actividades de investigación no Campus de Lugo titorizados por profesores da USC e integrados nos seus equipos de investigación. Os alumnos son seleccionados polos centros entre aqueles que amosaron capacidades de superación e esforzo.
O concurso no que foi distinguido o programa INITIA é unha iniciativa organizada anualmente polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), a Real Sociedade Española de Física (RSEF), a Real Sociedade Matemática Española (RSME) e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).
O obxectivo do concurso Ciencia en Acción é servir de estímulo para achegar a ciencia aos cidadáns e aos estudantes en particular, ademais de involucrar a investigadores e educadores en actividades de divulgación científica.
Sigma Xi The Research Scientific Society, coordinadora do programa, é unha sociedade científica fundada en 1886 con máis de 60.000 membros en todo o mundo, que inclúen 200 premios Nobel, e con 500 seccións, que busca a interacción entre o universo da investigación e a sociedade, promovendo o interese polo avance científico e tecnolóxico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2008.