Ir o contido principal

O programa de préstamo de bicicletas da USC contribúe a unha redución de 27 toneladas de CO2

A problemática ambiental que existe en torno ao transporte atópase tamén na USC, responsable do 18% das emisións de CO2 asociadas á súa actividade cotiá. De feito, aínda que só o 39% dos seus universitarios se desprazan en automóbil, estes son responsables do 92% desas emisións.
Por esta razón dende a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, en colaboración coa Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a asociación ecoloxista Verdegaia, púxose en marcha no curso 2006/2007 un programa de préstamo de bicicletas que promove o seu uso como alternativa ao automóbil.
Segundo un estudo de impacto ambiental realizado pola Coordinación do Plan, os 360 ciclousuarios das dúas edicións pasadas do programa evitaron que 27 toneladas de CO2 se emitisen a atmosfera. Prevese que este valor aumente a 30 toneladas de CO2 para 2009, debido principalmente á ampliación do prazo de préstamo e a que este curso serán 300 os usuarios das bicicletas.
Os participantes no programa valoran como principais aspectos positivos do uso da bicicleta a mellora da saúde, da calidade de vida na cidade e da rapidez nos desprazamentos. Por outra banda, a falta de infraestruturas adaptadas son sinalados coma un dos principais aspectos negativos, especialmente a falla de aparcamentos dentro e fóra dos campus e de carrís bici.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2009.