Ir o contido principal

O programa Primavera Astronómica achega esta disciplina á cidadanía en xeral

Celébrase ao longo de dúas semanas dende este luns 27

A cidadanía en xeral é o principal destinatario do programa de actividades Primavera Astronómica que o Observatorio Ramón María Aller da USC (OARMA) oferta dende o vindeiro luns 27 e ao longo de dúas semanas. Trátase dunha nova iniciativa organizada ao abeiro da conmemoración do Ano Internacional da Astronomía.
Para chegar aos seus destinatarios, o Observatorio Astronómico ten deseñada unha programación na que se realizarán sesións de astronomía para nenos, un obradoiro de telescopios e outro sobre fotografía astronómica, visitas guiadas ao Observatorio ou sesións de astronomía itinerante. Este conxunto completarase con dous cursos de iniciación a este eido de coñecemento, un deseñado especificamente para profesionais dos medios de comunicación e outro para antigos alumnos da USC.
Os máis pequenosA actividade Astronomía para nenas e nenos desenvolverase en dúas sesións, nas que se realizarán xogos didácticos e manualidades, visita aos telescopios e observación se as condicións meteorolóxicas o permiten. Terá lugar os domingos 3 e 10 de maio, de 17:00 a 20:00 horas.
Visitas guiadasCatro días á semana, despois do horario laboral, celebraranse as visitas guiadas ao Observatorio, nas que se fará unha pequena presentación da historia e funcións actuais do OARMA. As visitas inclúen, sempre que as condicións o posibiliten, observación de corpos celestes. De non ser posible realizarase unha observación “virtual” con programas de software libre como Stellarium e Celestia. Terán lugar os martes (28 de abril e 5 de maio) e mércores (29 de abril e 6 de maio) de 21:00 a 0:00 horas e os venres (1 e 8 de maio) e sábados (2 e 9 de maio) de 19:00 a 1:00 horas.
Baixo o lema ‘Astronomía Itinerante’ o Observatorio ofrece a posibilidade de facer observacións públicas e charlas divulgativas en centros sociais e educativos, Concellos e outras institucións que así o soliciten. A duración das observacións será de dúas horas e a das charlas de unha hora.
IniciaciónCunha carga lectiva de oito horas, o Observatorio organizará igualmente un curso de iniciación á disciplina, incluíndo catro horas de observación, tanto con telescopios como a simple vista cos planisferios. As sesións teóricas terán lugar os días 4, 5, 6 e 7 de maio de 20:00 a 21:00 horas. As sesións de observación estableceranse nos días nas que as condicións meteorolóxicas sexan óptimas.
Medios de comunicaciónComo xa viña sendo habitual nos últimos anos, o OARMA volve celebrar o Curso de Astronomía para profesionais dos medios de comunicación, igualmente cunha carga de oito horas, das que catro serán de observación. As sesións teóricas celebraranse os martes (28 de abril e 5 de maio) e os mércores (29 de abril e 6 de maio), de 20:30 a 21:30 horas.
Manexo de telescopiosOutra das iniciativas contempladas no programa Primavera Astronómica é un obradoiro de manexo de telescopios co obxectivo de que a xente que posúe un poida obter un mellor rendemento do seus equipos. Este obradoiro será o sábado 9 de maio de 18:00 a 22:00 horas nas instalacións do propio OARMA, de xeito que ao remate da actividade os participantes terán a oportunidade de facer observacións cos seus telescopios ou cos do propio Centro.
O programa pecharase coa celebración dun Obradoiro de fotografía astronômica, do 27 de abril ao 1 de maio, de 21:00 a 23:00 horas. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a Pedro Pablo Campo (pedropablo.campo [at] usc.es (pedropablo[dot]campo[at]usc[dot]es)), tamén no teléfono 981-592747.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2009.