Ir o contido principal

O programa RECICLOS chega ao Campus de Lugo logo de reciclar preto de 19.000 envases dende a súa posta en marcha en 2022

A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos. FOTO: Santi Alvite
A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos. FOTO: Santi Alvite
A Biblioteca Intercentros da USC conta xa cunha das máquinas do Sistema de Devolución e Recompensa de Ecoembes, unha experiencia pioneira nos campus universitarios galegos
Lugo, Santiago de Compostela

O número de envases recollidos nas sete máquinas RECICLOS instaladas en diferentes puntos da USC dende finais de 2022 ascende xa a 18.875 envases, entre latas (1.780) e botellas (16.829). Os datos evidencian o compromiso da comunidade universitaria coa práctica da reciclaxe a través do Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) de Ecoembes, unha experiencia pioneira nos campus universitarios galegos á que acaba de sumarse o Campus de Lugo coa instalación dunha máquina RECICLOS no vestíbulo da Biblioteca Intercentros.

A USC converteuse na primeira universidade de Galicia en contar con este sistema de recompensa, que xa suma máis de 250 máquinas por toda España, avanzando así na súa implicación coa economía circular e cun impacto positivo no medioambiente a través da reciclaxe. Segundo subliñou o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, o programa RECICLOS “contribúe a transmitir valores como o respecto polo medio ambiente a través dun xesto tan sinxelo como é o da reciclaxe”.

As persoas usuarias só teñen que descargarse a app gratuíta RECICLOS, depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina e, ao acabar, escanear o QR que se lles mostrará. Ao facelo, obteñen puntos, denominados RECICLOS, que poden cambiar por distintas recompensas dispoñibles, como colaborar co Banco de Alimentos ou con Oceánidas, para axudar a conservar o fondo mariño. Ademais, co gallo do Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama que se conmemora cada 19 de outubro, os puntos puideron ser trocados por doazóns para a Asociación Española contra o Cancro.

A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos, é dicir, que volvan converterse en novos envases ou produtos tras a súa reciclaxe. Poderano facer en calquera das máquinas situadas na Biblioteca Concepción Arenal, no Burgo das Nacións, en Ciencias Económicas e Empresariais, Escola Técnica Superior de Enxeñería, na Facultade de Matemáticas, na máquina instalada no módulo central das facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación ou na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.

Este sistema de reciclaxe está implantado na cidade de Santiago de Compostela dende 2022, onde máis de 600 contedores amarelos da cidade xa contan coa tecnoloxía RECICLOS, podendo os veciños e veciñas recibir recompensas polas latas e botellas de plástico xeradas nos seus fogares.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.09.2024.