Ir o contido principal

O programa ‘Retorna ao rural’ ofrece 34 bolsas de prácticas para alumnado do Campus Terra en empresas de Galicia

Alumnado do Campus Terra da USC. Foto: Santi Alvite
Alumnado do Campus Terra da USC. Foto: Santi Alvite
Os estudantes dos dous últimos cursos nas facultades de Ciencias, Formación do Profesorado, Veterinaria, EPS de Enxeñaría, Humanidades e Administración e Dirección de Empresas poden completar estadías formativas de ata 3 meses en empresas asentadas no medio rural de Galicia. O prazo de solicitude permanece aberto ata o 31 de marzo e as persoas beneficiarias poderán solicitar o recoñecemento de ata 13 créditos ECTS
Lugo

O Campus Terra da USC lanza unha nova convocatoria do programa ‘Retorna ao rural’, unha iniciativa financiada ao abeiro do convenio asinado entre a USC e a Consellería de Cultura, Educación e Universidades para o campus de especialización localizado na sede universitaria luguesa, a través da que o alumando matriculado nos dous últimos cursos das titulacións de grao impartidas nas facultades de Ciencias, Formación do Profesorado, Veterinaria, EPS de Enxeñaría, Humanidades e Administración e Dirección de Empresas poderán completar estadías formativas de ata tres meses de duración en empresas asentadas no medio rural. O prazo de solicitude permanece aberto ata o 31 de marzo e as persoas beneficiarias poderán solicitar o recoñecemento de ata 13 créditos ECTS.

A presente convocatoria impulsada desde o Campus Terra inclúe a oferta de dez bolsas de prácticas formativas´, a razón de dúas por cada titulación, para o alumnado dos graos en Nutrición Humana e Dietética, Bioquímica, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Administración e Dirección de Empresas e Xestión Cultural. As facultades de Veterinaria e Formación do Profesorado, así como a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, que fan unha xestión directa da concesión destas estadías en empresas asentadas en localizacións rurais, ofrecen tamén un total de 24 prazas para o estudantado dos seus respectivos títulos de grao. A tramitación da solicitude destas bolsas, cuxo período de duración se prolongará entre 1 e 3 meses, pode realizarse xa a través do Rexistro electrónico da USC.

As bolsas do programa Retorna ao Rural co Campus Terra son remuneradas e compatibles con outras axudas ao estudo do Ministerio de Educación e Formación Profesional e da Xunta de Galicia, ao tempo que contemplan un amplo abano de actividades formativas compatibles coas obrigas académicas do alumnado beneficiario. A xornada laboral dos bolseiros e bolseiras será de 25 horas semanais. Unha vez rematada a estadía, o estudantado do Campus Terra beneficiario deberá remitir unha memoria informativa antes de proceder á solicitude do recoñecemento de ata un máximo de 13 créditos ECTS.

A orde de prelación entre solicitantes virá determinada pola respectiva nota media que figure no expediente académico na USC, integrada polas cualificacións que correspondan ao curso 2021/2022, sempre que tales cualificacións consten en actas na data fin de prazo de presentación de solicitudes. A contía das axudas habilitadas pola USC a través desta convocatoria orientada a favorecer o desenvolvemento de tarefas relacionadas coas saídas profesionais coas titulacións que cursa o estudantado beneficiario contempla un importe máximo de 1.200 euros para estadías de trimestrais, ademais dos custos derivados das cuotas de Seguridade Social. As achegas para prácticas por un tempo inferior a tres meses e superior a 30 días será proporcional.

Cartaz das bolsas en empresas do medio rural xestionadas directamente desde Campus Terra
Cartaz das bolsas en empresas do medio rural xestionadas directamente desde Campus Terra
Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2023.