Ir o contido principal

A programación de actividades culturais da Residencia Monte da Condesa comeza este xoves cunha conferencia de Ángel Carracedo e un concerto de Deserve

O director do Instituto de Medicina Legal da USC e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica do Sergas, o catedrático Ángel Carracedo, impartirá este xoves 4 a conferencia inaugural do ciclo de actividades culturais 07-08 da Residencia Universitaria Monte da Condesa. Ángel Carracedo falará sobre ‘O que se pode saber e o que non se pode saber co ADN’, nun acto que comezará ás 21:30 horas na Sala de Usos Múltiples da residencia.
O programa de actividades desta sesión inaugural proseguirá co concerto que ofrecerá o grupo de rock Deserve ás 22:30 horas na Sala de Columnas. Trátase dun grupo de metal e rock compostelán sen limitacións de estilos nin modas formado no ano 2005 tras unha serie de ensaios entre amigos cun mesmo interese, a música. O grupo comezou a actuar en diversos locais de Santiago, como TNT/Poney Pisador, onde se fraguou unha gran conexión entre o público e o grupo, o que se traduce nunha boa afluencia a todos os concertos.
A maioría dos temas interpretados son moi melódicos e dunha temática e letra diversa, con cancións fortes á par que contundentes así como algunha balada rock e versións de temas amplamente coñecidos. Os seus integrantes son, na súa maioría, estudantes de diferentes facultades de Santiago.
O grupo vén de sacar un novo disco con 13 temas, todos de produción propia, baixo a denominación “Deserve: The Eyes Feed the Crows” /Os ollos alimentan ós corvos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2007.