A programación do ciclo 'Música a Carón da Mosqueira' preséntase este venres en rolda de prensa
O ciclo ‘Música a Carón da Mosqueira’ iniciará a vindeira semana a súa programación de concertos para o presente curso académico 2008-2009. Esta iniciativa está enmarcada no Convenio Lugo Cultural que conforman a USC, Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Fundación Caixa Galicia.
O programa deste ciclo presentarase en rolda de prensa este venres 31 coa presenza do vicerreitor de Cultura, Elias Torres, acompañado polo delegado de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico, Deporte, Normalización Lingüística e Ensino da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; a concelleira de Cultura e Turismo luguesa, Concepción Burgo; o xefe do Servizo de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia , Rafael Vizcaino; e o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez. O acto comezará ás 11:15 horas na Sala de Prensa da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo (Praza Pío XII, nº 3).
‘Músicas a carón da Mosqueira’ é unha proposta coa que se pretende achegar ao público en xeral a música clásica, tanto en forma de propostas convencionais como a través doutras máis innovadoras. Nesta ocasión o ciclo trae a Lugo un total de oito concertos que se celebrarán con entrada libre o primeiro luns de cada mes ata maio de 2009.