A programación de cursos de verán do Campus de Lugo aborda de xeito multidisciplinar a custodia compartida en separacións e divorcios
‘A custodia compartida nas separacións e divorcios: enfoque multidisciplinar’ centrará entre o 14 e o 16 de setembro no Campus de Lugo o debate sobre unha cuestión de actualidade que se vai abordar dende os enfoques xurídico, social, político, psicolóxico e administrativo. Co asesoramento da Asociación de Pais e Nais Separados de Galicia, colaboran na organización os colexios de Avogados e Procuradores de Lugo, a Dirección Xeral de Xustiza, a Consellaría de Familia e Benestar, a Deputación de Lugo, o Concello lugués e a Fundación Novacaixagalicia. O programa do curso concentrará as distintas intervencións arredor de diversos lemas como son a familia e a escola na educación dos nenos; menores diante da ruptura de parella; interferencias nas relacións paterno e materno filiais en caso de separación e divorcio; experiencias locais arredor da ruptura de parella; mediación intraxudicial; o papel de xuíces, da fiscalía, da avogacía, da procuradoría e do Imelga ante a mediación familiar e a custodia compartida; a custodia compartida nas comunidades autónomas con dereito civil propio; a e modificación do dereito civil galego.
Ademais do abano de intervencións programado, o curso contempla unha sesión, a do día 16, dedicada ao desenvolvemento de experiencias prácticas coa simulación dunha mediación no ámbito escolar, dunha mediación intraxudicial e finalmente dun proceso de divorcio. As persoas interesadas poden acadar máis información sobre o programa ou sobre o proceso de matrícula na páxina web do curso http://www.usc.es/cultura/uveran25_11.htm.