Ir o contido principal

A programación estival da USC abordará a historia da moda

A programación estival da USC abordará a historia da moda
A programación estival da USC abordará a historia da moda

‘Cando o efémero elévase a categoría do sublime: a moda algo máis que un concepto’ é un encontro que achegará o alumnado ao mundo da historia da moda, nun periplo cronolóxico que abarcará dende a Idade Media ata o século XXI. Na Facultade de Xeografía e Historia para un máximo de 60 alumnos, o curso celebrarase entre os días 19 e 22 de xuño cunha carga lectiva de 24 horas. A matrícula pode formalizarse ata o 9 de xuño.

O curso propón unha revisión da evolución da moda en perspectiva histórica pero tamén dende o punto de vista conceptual da relevancia e significado social da vestimenta. O programa comezará aludindo á antiga Grecia e ao vestiario cinematográfico e continuará co estudo da representación da indumentaria dun cabaleiro medieval ou da indumentaria eclesiástica a partir da análise da figura xacente dun abade exposta no Museo Provincial de Lugo. No segundo día haberá tempo de analizar a relación entre moda e orfebrería na corte castelá, a moda dende as vangardas ou a indumentaria masculina na Idade Media.

O día 21 os relatorios propostos apuntarán cara o novo deseño galego a través de ESDEMGA ou as orixes do figurinismo así como as exposición de moda nas institucións museísticas no cambio de milenio ou o discurso feminista-obrerista. Para completar o programa abordarase a importancia da cultura visual ou o téxtil como interface, entre outros temas.

O obxectivo do curso é facilitar aos participantes a identificación dos elementos da vestimenta do período analizado ao enfrontarse a unha obra de arte, así como establecer unha relación entre a moda e a arte para poder utilizar o traxe e complementos coma unha ferramenta de análise e datación de pezas e mellorar a comprensión da industria téxtil actual e o comisariado destas pezas nos museos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2017.