Ir o contido principal

A programación da Universidade de Verán 2013 comezará cun curso de divulgación sobre a incidencia da química na vida cotiá

A Universidade de Verán abrirá a súa programación correspondente a 2013 cunha proposta de divulgación dedicada ao tema ‘Química, a ciencia que envolve a nosas vidas’, do 3 ao 6 de xuño baixo a dirección de Carmen García Jares e Pilar Bermejo. Esta segunda edición do curso dará a coñecer aspectos da Química máis recente, os seus avances e conexións con outras ciencias, coa intención de demostrar que a maioría das actividades e comodidades da vida actual se sustentan ou teñen un alto compoñente químico. Como explica Carmen García, o curso quere demostrar como a Química é “unha ciencia que ten contribuído grandemente ao progreso da humanidade e que ten por diante o reto de seguir facéndoo con criterios de sustentabilidade”. Na quenda de intervencións que conforman o programa participarán especialistas cunha ampla traxectoria docente e profesional en diversos campos de traballo relacionados coa Química. Exporán aplicacións de máxima actualidade da Química nos campos da saúde, a alimentación, na investigación forense e criminalística, no medio ambiente e incluso no propio contorno doméstico, entre outros. No desenvolvemento do curso, utilizarase un enfoque divulgativo asequible tanto a estudantes de Química e ciencias afíns, como a profesores en ensino medio e a público interesado en xeral. É especialmente axeitado para alumnado de grao e licenciatura de Química, Física, Farmacia, Bioloxía, enxeñarías ou de Medicina así como para profesorado de Bacharelato e Formación Profesional. Deste xeito, se inclúen dúas mesas redondas sobre avances no uso de novos materiais e na química dos alimentos, respectivamente e outra sobre riscos asociados á contaminación química do contorno, así como diversos relatorios que porán a atención sobre cuestións como a análise de drogas, estrutura química e propiedades extraordinarias da auga, envases activos e intelixentes ou factores de calidade do mel. Ademais, está previsto un obradoiro sobre os logros e retos da Química nas primeiras décadas do século XXI e dúas visitas didácticas, á refinería de Repsol na Coruña e á sede da asociación de apicultores de Galicia para coñecer o proceso completo de elaboración do mel. O próximo 24 de maio remata o prazo de matrícula para este curso. A información sobre a programación da Universidade de Verán así como sobre o proceso de matrícula está dispoñible na web.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2013.