Tres programas de doutoramento da USC, seleccionados nas convocatorias de concorrencia europeas
Tres programas de doutoramento da USC foron seleccionados nas convocatorias de concorrencia competitiva europeas, cuxo fin é promover unha investigación universitaria de excelencia e internacional, que contribúa ademais a afrontar os principais retos científicos, sociais e económicos. Os estudos seleccionados son Nanofar, Tapas e Nowelties e veñen poñer en valor a aposta da USC pola internacionalización dos seus estudos de doutoramento a través de convocatorias competitivas de financiamento. Neste senso, a USC é a unica universidade do SUG que incorpora estes programas de convocatorias internacionais na súa oferta.
Erasmus Mundus ‘Nanofar’
O programa NanoFar, ‘European Doctorate in Nanomedicine and Pharmaceutical Innovation’, é un dos dez programas de doutoramento conxunto europeo destinados á captación do talento e a innovación pertencentes á convocatoria 2009-2013. A USC participa nesta establecendo a colaboración académica bilateral coas universidades de Nantes, Angers, Lovaina, Liége e Nottingham. Ademais, ao programa adhírense un conxunto de institucións como hospitais, centros de investigación e oito relevantes empresas especializadas na nanomedicina que promoverán o desenvolvemento das súas aplicacións biolóxicas e clínicas. Neste curso académico o persoal investigador seleccionado polo programa está a defender as súas teses de doutoramento, sete das cales contan na co dirección con por doutores/as da USC.
Horizonte 2020 e accións Marie Curie
A USC foi recoñecida en 2017 coa acreditación HR Excelence in Research, selo de calidade que distingue ás institucións xeradoras dunha contorna estimulante e favorable para a investigación. Neste contexto, conseguiuse o financiamento para o desenvolvemento de dous programas de doutoramento europeos configurados como ‘Marie Sklodowska Curie Action- European Joint Doctorate’ , o que implica a contratación de persoal investigador que aínda non dispoña do título de doutor/a para un período de tres anos de investigación, prazo para o desenvolvemento da tese de doutoramento. Estas dúas iniciativas inscríbense no marco do Programa Marco europeo de investigación e innovación Horizonte 2020, destinado a incentivar o crecemento económico, a innovación e excelencia investigadora e a creación de emprego.
As accións Marie Curie na USC selecionadas son TAPAS e NOWELTIES. No primeiro caso, ‘ Targeting Platelet Adhesion Receptors in Thrombosis’ (TAPAS) comezou en 2016 e nel ofértanse quince vacantes para realizar investigacións orientadas á prevención da trombose mediante a identificación de mecanismos plaquetarios. O consorcio constituído para desenvolver as diferentes accións do proxecto confórmano trece institucións de sete países da UE entre as que se atopa a USC. Dentro da Universidade compostelá cinco investigadores e investigadoras resultaron seleccionados para participar no marco dun Programa de Doutoramento específico aprobado polo Ministerio de Ciencia, Investigación e Universidades no ano 2018.
Pola súa banda, Nowelties (Joint PhD Laboratory for New Materials and Inventive Water Treatment Technologies. Harnessing resources effectively through innovation) é unha nova iniciativa europea que inicia a súa andadura en 2019. Ademais da USC, participan neste proxecto as universidades de Girona, Munich, Aachen, Zagreb, Belgrado e Ferrara. A USC agarda a selección de catro investigadores, de entre os catorce que vai acoller o programa, para que traballen no eido da investigación das tecnoloxías de tratamento da auga destinadas a previr contaminantes e optimizar a súa recuperación.