Ir o contido principal

A promoción 1977-1982 de Dereito celebra este sábado as vodas de prata

A promoción 1977-1982 da Licenciatura de Dereito da Universidade de santiago celebra este sábado, día 6, as vodas de prata nun acto académico que se desenvolverá a partir das 11:30 horas no Salón de Graos da propia facultade.
Presidida polo vicerreitor de Economía e Financiamento, Miguel Vázquez Taín, na cerimonia intervirán ademais o decano do centro, Julio Jorge Urbina, o presidente da Asociación de Antigos Alumnos da USC, Perfecto Yebra, e o profesor Ramón Máiz Suárez, actuando en representación do claustro docente.
Xa ás 12:30 horas, os asistentes dirixiranse no Campus Sur ao Recanto da Saudade, monólito inaugurado pola Asociación de Antigos Alumnos da USC a iniciativa do falecido Agustín Sixto Seco e que simboliza o regreso á cidade dos antigos compañeiros. Deseguido participarán nun percorrido polo patrimonio histórico da USC do programa de visitas guiadas ‘Universidade Viva’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2007.