Ir o contido principal

Unha nova promoción de Estalmat-Galicia inicia este sábado as súas actividades

Os 364 participantes na proba de selección de Estalmat-Galicia 2018 e membros do comité organizador e responsables da proba na Facultade de Matemáticas da USC o pasado mes de xuño
Os 364 participantes na proba de selección de Estalmat-Galicia 2018 e membros do comité organizador e responsables da proba na Facultade de Matemáticas da USC o pasado mes de xuño
O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias, conta co apoio da USC, da Consellaría de Educación e das Deputacións da Coruña e Lugo

O proxecto Estalmat-Galicia de estímulo do talento matemático en rapaces de 12 e 13 anos iniciará este sábado 29 o curso 2018-2019 nunha sesión na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC ás 10.30 horas. Asistirán os 25 alumnos de Estalmat-Galicia que conforman a décimo segunda promoción (2018), acompañados das súas familias, autoridades académicas, patrocinadores, representantes do ensino medio que os avalaron e membros do equipo docente do proxecto. Ao final do acto, as 7 alumnas e os 18 alumnos finalmente seleccionados reciben a súa documentación das autoridades e profesores para saír deseguido en autobús cara un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Vilarmaior na Coruña, que supón unha toma de contacto entre eles nun ambiente lúdico-matemático.

O acto de apertura presidirao o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente PérezMuñuzuri, acompañado na mesa de autoridades pola decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, e polo presidente do Proxecto ESTALMAT-Galicia e ex reitor da USC, Juan Viaño Rey, ademais de representantes dos patrocinadores principais de ESTALMAT-Galicia, Manuel Corredoira López, director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa; Antonio Leira Piñeiro, deputado da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña; Pilar García Porto, deputada da Subárea de Cultura e Educación da Deputación de Lugo. A presentación da 12ª Promoción faraa a coordinadora académica de ESTALMAT-Galicia, Sandra María Díaz Mouro.

Novidades
Este curso entre as novas actividades programadas, manipularán dous omnipoliedros (achegados polo IES de Mugardos e o IES de Guitiriz), participarán nun concurso de fotografía matemática e traballarán cos exemplares das unidade didácticas de ‘Domingo Fontán’ e ‘María Wonenburger’. Estarán acompañados na fin de semana polo responsable do Campamento, o profesor Victor Pollán, a responsable de Relación coas Familias, María Trinidad Pérez López, e catro ‘extalmateiras’ (da novena Promoción ESTALMAT-Galicia, 2015) e un equipo de monitores.

Representantes do Comité Organizador e dos 52 profesores do equipo docente, titulados/as en matemáticas e profesado da disciplina de amplo historial no ámbito do ensino secundario e universitario, recibirán aos 25 estudantes que foron seleccionados o pasado 2 de xuño na proba celebrada na Facultade de Matemáticas. Nela participaron un total de 364 estudantes de toda Galicia nacidos en 2005 e 2006. Os participantes, 216 rapaces e 148 rapazas, procedían na súa maioría das provincias da Coruña (222) e Pontevedra (119), seguidas das de Lugo (9) e Ourense (14), tanto do ensino público (258) como do privado (106). Os 25 estudantes seleccionados finalmente (7 rapazas e 18 rapaces) pertencen á Coruña (11), Ourense (4) e a Pontevedra (10). Nos dez anos dende a súa implantación, ESTALMAT-Galicia ten examinado na Facultade compostelá a mais de 3.400 estudantes con grande interese polas matemáticas e ten seleccionado ata agora 300 con talento matemático para incorporar ás súas actividades.

Desenvolvemento
Durante o curso os/as estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que dende 1998 ven implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados do curso académico. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Ademais, ESTALMAT-Galicia coordina o programa ESTALMAT PI, dirixido a manter o contacto un ano mais con actividades impartidas en 12 sábados do curso.

O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC e distintas universidades españolas. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. Conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das Deputacións da Coruña e Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2018.