Ir o contido principal

Propoñen oito rutas gastronómicas por Santiago para "sobardar a imaxe que a asocia exclusivamente con Catedral, marisco e paisaxe"

“Santiago ten que sobardar a imaxe tópica que a asocia exclusivamente con Catedral, marisco e paisaxe”. Para iso, un equipo de investigación dirixido polo profesor de Historia Contemporánea da USC Xavier Castro elaborou un informe para a Dirección Xeral de Turismo no que propón un modelo de oito roteiros culturais para a cidade –extensible a calquera cidade galega- articulado en torno a novos conceptos culinarios. Para o novo prototipo de turista, aducen, “non hai nada máis universal que o local provisto dun carácter xenuíno”.
As novas tendencias do turismo internacional indican que cada vez é maior o interese por parte dos turistas pola busca de lugares con historia e opcións culturais “afastadas do tradicional turismo de sol e praia e o interese crecente polo patrimonio e o urbanismo”, afirmou Castro na rolda de prensa de presentación do proxecto na que estivo acompañado do director xeral de Turismo, Rubén Lois, e da investigadora Ana Mesía.
Da súa investigación constátase un predominio “abrumador” do estilo culinario tradicional nos locais hostaleiros composteláns, que contan ademais cun “escaso perfil gastronómico distintivo”. “Falla un selo de orixinalidade en numerosas propostas de restauración”, denuncian os investigadores, que aconsellan unha depuración conceptual da gastronomía galega tradicional. “Non se diferencian ben as particularidades que presentan as culinarias labrega, mariñeira, fidalga e burguesa, rural, vilega e urbana”, engaden.
Do mesmo xeito, comprobaron unha “pobreza de referentes, sen pór en valor a gastronomía dos mosteiros e casas reitorais, xacobea, da fidalguía e dos indianos nin aproveitar a vinculada ás primordiais etapas históricas das que existen vizosas expresións artísticas e monumentais na cidade de Santiago como románicas, barrocas e modernistas”.
Esta atención á cociña antiga, con personalidade propia e específica de Santiago, constituiría –segundo manifestan- unha “sabia resposta á globalización do gusto e á estandarización culinaria rexeitada pola moderna sensibilidade da corrente do turismo cultural, que se interesa, en cambio, pola especificidade local e auténtica”.
Mais non todo son críticas ao turismo cultural e gastronómico de Santiago. O equipo de Xavier Castro loa as “interesantes actuacións e propostas a prol da gastronomía” postas en marcha dende as diferentes instancias oficiais de promoción do turismo compostelán. Iso si, advirten da necesidade dunha maior presenza virtual dos restaurantes galegos.
Os roteirosSon oito as rutas formulados polos investigadores, algúns deles estruturados en subgrupos atendendo a diversas categorías. Serían as de cociña enxebre; de cociña creativa de raíz galega; da cociña xacobea ou das peregrinacións; dos pazos; das tabernas e viñotecas; dos cafés, das chocolatarías e teterías; da cociña de tempada, coas vertentes de alimentos e do calendario gastronómico cultural tradicional; e, por último, cinco rutas de cociña histórica compostelá, vinculadas aos períodos histórico-artísticos máis relevantes en Santiago como serían a cociña dos castros, a románica (medieval), a barroca, a romántica e a modernista dos indianos.
Para viabilizar este proxecto, na fase inicial os restaurantes interesados en adscribirse a algunha das fórmulas culinarias que se postulan incorporarían á súa carta algúns dos pratos propostos no estudo, ou mesmo algúns menús perfilados neste senso. Progresivamente irían orientando a súa liña restauradora nunha dirección máis especializada, ata cultivar en exclusiva un determinado concepto culinario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2008.