Se o propósito é deixar de fumar co novo ano...
Para aquelas persoas que inician o ano co propósito de deixar de fumar, a Unidade de Tabaquismo da USC mantén aberto ata finais deste mes de xaneiro o prazo dos seus distintos programas de apoio. Esta Unidade confórmana un grupo de profesionais especializados no tratamento de persoas fumadoras e das adicións, baixo a dirección do catedrático de Psicoloxía Clínica Elisardo Becoña, que ofrecen distintos programas e tratamentos que mostraron a súa eficacia nos últimos 30 anos de experiencia d este servizo universitario. Os programas diríxense a calquera fumador/a que desexe deixar de fumar, a fumadores/as con alta dependencia ou cun consumo moi alto de cigarros, a persoas que necesitan abandonar o hábito a causa de problemas físicos ou enfermidades así como para aquelas que padecen outros problemas como depresión, trastorno bipolar, estres ou ansiedade, consumo de cannabis ou doutras substancias psicoactivas e para persoas fumadoras ás que lle preocupan o aumento de peso. Todos os programas presenciais son gratuítos, individuais ou en grupo, en horarios de mañá ou tarde. Para obter a información, as persoas interesadas poden dirixirse á Unidade de Tabaquismo na Facultade de Psicoloxía (1º andar) ou nos teléfonos 881.813.939, así como no correo elisardo.becona [at] usc.es (elisardo[dot]becona[at]usc[dot]es).