Ir o contido principal

Protocolo deportivo en Mondoñedo e feito relixioso en Santiago, seminarios de verán que comezan este venres

‘Protocolo deportivo’ e ‘O século XXI: un mundo “sen Deus nin relixión” ou un mundo de “exuberante relixiosidade”?’ son os seminarios de verán que a USC organiza para este fin de semana en Mondoñedo e Santiago, respectivamente.
Protocolo deportivoDirixido por Eugenio A. Rodríguez Núñez, o seminario de protocolo deportivo dará comezo este venres 18 e rematará o domingo 20 coa participación de responsables de política e xestión deportiva local, xerentes e xestores deportivos de concellos, padroados, federacións deportivas, directores e xerentes de clubes e directores de comunicación e de protocolo.
Neste seminario abordaranse as xestións a todos os niveis das relacións institucionais no ámbito deportivo. Daranse tamén a coñecer as especificidades do protocolo en organismos deportivos e a planificación, estruturación e xestión dun departamento de protocolo, para programar e xestionar calquera evento deportivo e determinar a precedencia.
Na inauguración, que terá lugar ás 9:45 horas, está prevista a participación do vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o xerente da Fundación Azkar, Óscar Hermida; o alcalde da localidade, Orlando González Cruz; o responsable da área de Deportes da Deputación Provincial, Antón Veiga, e o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Constantino López.
Os relatores do seminario serán Juan Ángel Gato Gómez e Gerardo Correa Sánchez. O primeiro é actualmente xefe de Protocolo e Relacións Internacionais do Consello Superior de Deportes. Correa Sánchez é especialista en Protocolo e Cerimonial ocupando o cargo de vicepresidente da Escola Internacional de Protocolo. Actualmente é director da área Económica da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo (OICP).
O feito relixioso actualO curso ‘O século XXI: un mundo “sen Deus nin relixión” ou un mundo de “exuberante relixiosidade”?’, dirixido por Victorino Pérez Prieto, analizará os días 18 e 19 o feito relixioso na actualidade partindo de que a relixión segue a ser hoxe un elemento fundamental da persoa e a sociedade que é necesario abordar e comprender, máis aló de realizacións violentas, antidemocráticas e reaccionarias.
O primeiro día do encontro, dedicado monograficamente a ‘Relixión, socioloxía, ciencia e antropoloxía’, comezará cunha reflexión sobre o estado actual da cuestión para continuar coa análise da razón científico-técnica e fe cristiá; do neoconservadurismo, postmodernidade e cristianismo de liberación; as imaxes idolátricas-opresoras de Deus no mundo actual; e a distinción entre a fe, o acto de fe, e o sistema de crenzas nas relixións. Rematará esa primeira xornada cun debate sobre a necesidade de renovar as claves sobre Deus.
O pluralismo relixioso no mundo actual centrará as sesións da segunda xornada, nas que se trataran cuestións como as relixións abrahámicas-monoteístas no mundo actual, o islam, o cristianismo, o diálogo inter-relixioso como reto ineludible das relixións no século XXI ou as solucións que se teñen dado ao problema.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2008.