Proxéctase este martes en Ciencias da Comunicación o documental ‘O tesouro de Corcoesto’
O documental ‘Tesouro de Corcoesto’ proxectarase este martes 5 ás 18:30 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación nunha actividade organizada pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC. A exhibición deste documental sobre o polémico proxecto da mina de ouro na comarca de Bergantiños irá acompañada dun coloquio coa súa directora, Cora Peña. O documental busca dar unha contextualización ampla, con cuestións técnicas, sociolóxicas e económicas ao proxecto da mina de Corcoesto, en plena Costa da Morte. ‘Tesouro de Corcoesto’ pretende ser unha ferramenta para a reflexión e o debate das consecuencias dun proxecto de alto impacto. A ameaza ao territorio debido á explotación a ceo aberto con tratamento de cianuro, unha das técnicas mineiras máis agresivas das practicadas no mundo, se contrapón ao desexo de desenvolvemento económico e social da contorna. O documental, de produción independente, contou coa axuda de 180 persoas e colectivos que colaboraron no seu financiamento a través do micromecenado. O seu destino é a difusión gratuíta en salas de todo o país, e tamén na rede baixo licenza copyleft (CC Recoñecemento – NonComercial – CompartirIgual). A directora Cora Peña está dedicada profesionalmente ao formato documental, e con especial afinidade cara aos temas medioambientais. Conta cunha valiosa experiencia en relación co neoextractivismo, gracias á súa longametraxe documental ‘ Apash, los de fuera’, rodada na Amazonía peruana a partir do conflito dos indíxenas con goberno e multinacionais polo manexo da terra. É licenciada en Imaxe pola UCM e graduada en Dirección de Fotografía pola Escola de San Antonio de los Baños (Cuba). Leva anos traballando en documentais, como ‘A maleta de Sofía’, ‘Morreu o demo’, ‘Acabouse a peseta’ ou ‘ Pacios’ e docuseries para TV (‘Un país de lerias e Terras de Merlín’).