Proxéctase en Psicoloxía a curtametraxe ‘Recoprem 10 mg’
Tras a súa estrea en abril na Facultade de Medicina coa asistencia de trescentas persoas, a curtametraxe ‘Recoprem 10 mg’ proxectarase de novo este xoves 24 ás 19.30 horas na Facultade de Psicoloxía, á que pertence o seu autor, Fernando Sánchez, que logo da proxección ofrecerá unha charla sobre a forte relación que existe entre a psicoloxía e o cine. ‘Recoprem 10 mg’ é a denominación dun fármaco ficticio, pero tamén o cartel “dunha historia de ciencia ficción onde non todo é o que parece”, di Sánchez. A historia sitúa a Fran no ano 2015 tratando de superar a ruptura da súa relación sentimental con Lucia. Este é o motivo que o leva a someterse a un tratamento experimental cun novo fármaco, Recoprem 10mg, que provocará que lembre con máis forza a Lucia de xeito que se enfronte ao recordo e o supere en menos tempo. Non obstante, neste proceso aparece unha nova persoa, Paula. Rodada en Santiago e Torrelavega (Cantabria), a produción contou coa colaboración das facultades de Medicina e Odontoloxía –un dos seus laboratorios foi o escenario dunha importante secuencia da curta- e de Ciencias da Comunicación. Ademais do director, a cinta conta coa participación de alumnado da USC como Enrique Lojo (actor protagonista, ex alumno de Comunicación Audiovisual), Ramiro Peralta (produción executiva, alumno de Psicoloxía), Andrea Carleos (asistente técnica, ex alumna de Comunicación Audiovisual), Daniel Suárez (axudante de dirección e operador de cámara, alumno de Comunicación Audiovisual), Katia Rolán (actriz secundaria e son, ex alumna de Psicoloxía e Criminología), Héctor González (auxiliar, ex alumno de Psicoloxía) e Aitor González (Auxiliar, alumno de Psicoloxía).
A curta foi seleccionada para participar no II Festival Internacional de Curtametraxes de Ficción Piélagos en Curto 2012 e no XIII Festival Internacional de Torrelavega", onde se proxectará este sábado 26.