Ir o contido principal

‘Proxéctate en galego’ propón esta fin de semana un debate en clave galega e unha viaxe cultural a través do patrimonio

Mario Outeiro, Pedro García Herradón e Marta López Alonso, na apertura do foro 'Proxéctate en galego'
Mario Outeiro, Pedro García Herradón e Marta López Alonso, na apertura do foro 'Proxéctate en galego'
García Herradón abre na Casa do Saber un foro de reflexión sobre as posibilidades da lingua galega sobre que rematará o domingo cunha vista a San Paio de Narla

A Universidade de Santiago de Compostela amosa as oportunidades e posibilidades que ofrece a lingua galega para a actividade académica, a ciencia e o emprendemento, a través da segunda edición do programa ‘Proxéctate en galego’. Este foro de debate responsable en clave galega, no que distintos relatores abordarán durante esta fin de semana cuestións relativas ao lecer, as aptitudes dos galegos diante da súa lingua ou o consumo responsable, rematará o domingo cunha viaxe cultural polo patrimonio ao museo fortaleza de San Paio de Narla, no concello de Friol.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, agradeceu na apertura da segunda edición do foro ‘Proxéctate en galego’ o traballo desenvolvido polas comisións de normalización lingüística do campus de Lugo, ao tempo que salientou o apoio financeiro prestado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo a este proxecto de dinamización e promoción da lingua galega, ao que García Herradón augura “moito futuro”.

O deputado provincial delegado da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Mario Outeiro, destacou o interese dos temas de debate incluídos no programa desta segunda edición de ‘ Proxéctate en galego’ e manifestou o seu agradecemento á Universidade de Santiago de Compostela polo seu cometido a prol da lingua galega e por facer realidade que o galego sexa e é o idioma da Universidade. A profesora do Departamento de Patoloxía Animal e presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria, Marta López Alonso, lembro que o ‘Proxéctate en galego’ é unha iniciativa universitaria aberta a toda a cidadanía, que pretende descubrir como o galego, ademais dunha lingua viva e dinámica, non supón ningunha barreira no mundo académico nin profesional, senón unha oportunidade para a ciencia, o lecer, o emprendemento e tamén para a cultura. Programa e obxectivos Unha táboa redonda sobre o galego nos tempos de lecer e a presentación das novas aplicacións e utilidades do espazo web Proxéctate en galego completaron o programa da xornada de apertura deste foro, que concluíu cunha actuación ao vivo da cantautora María Xosé Silvar ‘Sés’, acompañada de Tito Calviño á guitarra, e do humorista lugués Anxo Lamelo. Un relatorios sobre as actitudes lingüísticas da poboación galega, a cargo de Xaquín Loredo, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, abrirá este sábado, a partir das 10.00 horas, a segunda xornada deste foro, que inclúe, en quenda de mañá, a táboa redonda ‘As galegas e os galegos diante da lingua’, que será moderada por Carmen Blanco e na que intervirán tres profesores de ensino secundario. O programa do sábado continuará en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, co relatorio ‘ Lingua galega e alternativas sustentables de produción, distribución e consumo de alimentos e outros produtos’, a cargo de Miguel Pardellas Santiago, da Sociedade Galega de Educación Ambiental. Unha táboa redonda sobre consumo consciente de bens e servizos, na que intervirán Noa Estévez, da cooperativa de consumo Eirado; Marta Pérez Freire, de A Cova da Terra, e Xabier Gómez Santiso, de Fiare-Galiza banca ética, servirá de peche á xornada. ‘Proxéctate en galego 2013’ chegará ao seu fin o domingo cunha visita guiada ao museo fortaleza de San Paio de Narla. Logo de facer un percorrido polas instalacións, o profesor da USC Manuel Gago falará sobre o patrimonio cultural como ferramenta de vertebración e empoderamento das comunidades locais en Galicia. Ao seu remate, José María Carricoba e Blanca Castro, autores do blog Friol, algo máis que pan e queixo, intervirán nunha táboa redonda sobre o patrimonio por descubrir.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2013.