Ir o contido principal

O proxecto Aquaenvec no que participa a USC, mellor iniciativa LIFE 2015 de Medio Ambiente

Foto de grupo do equipo que participou en Aquaenvec
Foto de grupo do equipo que participou en Aquaenvec

O proxecto LIFE+ Aquaenvec no que participa a Universidade de Santiago acaba de ser declarado como Mellor Proxecto LIFE+ de Medio Ambiente en 2015 pola súa análise da ecoeficiencia do sistema integral do ciclo urbano da auga que inclúe potabilización, rede de distribución e de sumidoiros e tratamentos das augas residuais.

Coordinado polo Centro Tecnolóxico CETAQUA, e coa participación ademais das Universidades Autónoma de Cataluña e de Valencia, en Galicia contouse tamén coa colaboración de VIAQUA. O traballo da USC no proxecto correu da man do Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química liderado polos profesores Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira. Este equipo foi o encargado de estudar as cargas ambientais e os custes económicos da etapa de tratamento das augas residuais, así como de definir as accións de mellora que permitan atinxir a ecoeficiencia das tecnoloxías aplicadas na súa xestión.

De forma específica, no proxecto calculáronse os principais impactos ambientais (cambio climático, eutrofización, destrución de capa de ozono e demanda enerxética) e os custes asociados a cada unha das etapas do ciclo de vida da auga, que en conxunto permiten determinar a ecoeficiencia segundo a metodoloxía ISO 14045.

Betanzos e Calafell
O proxecto desenvolveuse en diferentes cidades pequenas e medianas de Galicia e Cataluña, con Betanzos e Calafell como casos de estudo referentes que obtiveron a certificación na devandita norma ISO para os seus ciclos urbanos de auga, sendo os primeiros certificados emitidos en España por AENOR para esta normativa internacional. A selección destas cidades da rexión atlántica e mediterránea permitiu comparar zonas con diferenzas climáticas, de cantidade e calidade dos recursos hídricos e do uso da auga.

Como resultado da investigación creouse unha ferramenta libre en web (http://tool.life-aquaenvec.eu/en) para que as empresas do sector, concellos e consumidores teñan información para a toma de decisións que melloren a relación entre o impacto ambiental e o custe das actividades da xestión e explotación da auga.

O proxecto deu lugar á publicación de diversos artigos científicos en revistas internacionais de elevado índice de impacto nas categorías ‘Environmental Science’ e ‘Environmental Engineering’: Environmental Impact Assessment Review, Journal of Cleaner Production, Science of Total Environment e Water Research.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2016.