Ir o contido principal

O proxecto audiovisual ‘Novas voces para a lingua’ nace para conectar a mocidade co idioma

Cada peza audiovisual aborda distintas preocupacións que unen os protagonistas. FOTO: RAG
Cada peza audiovisual aborda distintas preocupacións que unen os protagonistas. FOTO: RAG
A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e a RAG impulsan unha serie de pezas protagonizadas por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida
Santiago de Compostela

‘Novas voces para a lingua’ é o proxecto que a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC promove xunto á Real Academia Galega para conectar a mocidade co idioma. A iniciativa arrinca cunha serie de cinco pezas audiovisuais protagonizada por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional. Os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne, o director de cine Andrés Goteira, as actrices da Panadaría Teatro, a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga e o xenetista Ángel Carracedo son parte do elenco da serie ‘Conseguiremos’, a resposta á proposta da RAG que concibiron Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produtora).

Os tres estudantes de Xornalismo e Comunicación Audiovisual fixeron realidade a primeira edición do proxecto co apoio doutros tres docentes da Facultade e da propia Academia. O primeiro capítulo, protagonizado por Verónica Boquete e gravado no estadio que leva o seu nome, pode verse dende este martes, xunto á presentación da serie, no novo espazo dedicado ao audiovisual da web da RAG, ao que se irán incorporando nas vindeiras semanas as demais pezas.

“Co título xenérico ‘Conseguiremos’, que é tamén unha declaración de intencións, vontade e entusiasmo, os autores e os protagonistas da serie queren amosar unha maneira de falar a lingua galega, a lingua dos seus pais, mais sobre todo a lingua que eles e elas, as novas xeracións, escollen libremente non só para expresarse e relacionarse senón para crear, para vivir a contemporaneidade, para producir cultura e mesmo para desenvolverse profesionalmente no mundo das artes escénicas, a música, a ciencia, o deporte ou o cinema”, salienta o profesor da USC e  presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. “Queremos darlles voz a novos creadores e creadoras que nos instalan decididamente, con afouteza e sen complexos, no século XXI. A lingua é nosa, facémola entre todos. Cada xeración é un pulo de esperanza, unha voz que inaugura o mundo”, engade.

A produción de ‘Conseguiremos’ foi posible grazas á colaboración xenerosa dos protagonistas e ao apoio de Ana Isabel Rodríguez, Gaspar Broullón e Martín Vaz, profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que participaron na presentación canda o decano do centro, Xosé Ramón Pousa; Víctor F. Freixanes, os tres autores da serie, e participantes de varios capítulos. A serie insírese no marco do proxecto ‘Novas voces para a lingua’, que continuará este curso con novas propostas adaptadas aos tempos da pandemia, explica a profesora da USC, Ana Isabel Rodríguez, que destaca a “motivación que constitúe para o alumnado construír un proxecto en colaboración coa Real Academia Galega e que vai ter unha difusión real”. “O compromiso da Facultade de Ciencias da Comunicación para proxectar esas novas voces creativas arredor da lingua permanece vixente”, afirma.

Espellos nos que se mirar

Cada peza audiovisual aborda distintas preocupacións que unen os protagonistas, como o deporte, a ciencia, a creación artística ou a igualdade e o respecto á diversidade, artellando relatos en que a cuestión lingüística se integra con naturalidade. “Gravamos estes encontros escapando das campañas máis publicitarias porque a lingua está aí. Atopamos que unha vez que temos eses espellos en que mirarnos vemos que nós tamén temos unha relación especial coa lingua”, explica a directora Paula Quiroga. “A lingua é unha ferramenta que nos abre ao mundo pero que tamén nos abre a nós mesmos. Falamos con xente que a vencella á súa terra, á familia, pero tamén fai cinema en galego e que compite en festivais internacionais”, reflexiona Lois Alcayde, responsable dos guións. “Eu defendo o galego e fáloo, pero non sabía que tiña o valor de poder chegar tan lonxe. Nestas rodaxes coñecemos moita xente que o usa incluso fóra de Galicia, e a verdade é que me sorprendeu gratamente comprobar que o galego está en tan boa posición. É certo que aínda nos queda moito por conseguir, pero conseguirémolo”, expresa Meritxell Álvarez, que asumiu os labores de produción.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.12.2020.