Un proxecto avanzará na conservación de distintas especies de náiades ameazadas en Galicia
USC e Xunta de Galicia colaborarán nun novo proxecto para a conservación de distintas especies de náiades ameazadas en Galicia —en especial, a Margaritifera margaritifera ou mexillón de río— mediante a elaboración de metodoloxías específicas para reproducir fóra do seu hábitat este tipo de moluscos e destinalos a futuras repoboacións.
O reitor Antonio López e a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron este venres 24 un convenio de colaboración co obxectivo de avanzar na conservación do chamado mexillón de río, incluído entre as especies animais de interese comunitario e que figura na categoría de en perigo de extinción nos catálogos galego e español de especies ameazadas. A finalidade dos traballos programados é “acadar unha mellora do estado de conservación desta e doutras especies de náiades sensibles e con presencia nos ríos galegos, en liña coa recomendación europea de impulsar medidas de xestión para a súa conservación”, sinalan dende as dúas institucións. As actuacións previstas terán unha duración de tres anos, ata finais de 2026.
Programa de accións
Entre as accións concretas a desenvolver, elaborarase unha metodoloxía baseada na experiencia adquirida no cultivo de Margaritifera margaritifera na bacía do río Ulla co fin de extrapolala para poder obter un stock de exemplares viables para reforzar as poboacións desta especie nas bacías cantábricas. Para conseguilo, buscaranse sinerxías co traballo que se está a realizar xa actualmente para a repoboación de salmónidos no Centro ictioxénico do Veral, en Lugo. Así mesmo, a segunda liña de acción terá como fin reforzar a poboación de mexillón de río na bacía do río Ulla a través tanto da cría en catividade de xuvenís e subadultos, como da súa posterior marcaxe para garantir o seu seguimento, tras a súa liberación no medio natural.
No marco destas actuacións, Xunta e USC tamén colaborarán para avanzar na identificación dos tramos da bacía que polo seu hábitat resulten máis aptos para liberar os exemplares cultivados no Centro do Veral para, finalmente, proceder á solta dos xuvenís/subadultos naquelas zonas que cumpran con todos os requisitos. Finalmente, o convenio prevé o seguimento anual das poboacións reforzadas co fin de avaliar o éxito da repoboación, recuperando a tal fin os individuos marcados para medir o seu crecemento e evolución.
Cómpre lembrar que unha das medidas de xestión desta especie ameazada desenvolvida con éxito anteriormente en Galicia foi precisamente a produción de exemplares xuvenís en instalacións ex situ (fóra da natureza) para permitir o reforzamento das poboacións máis sensibles, polo que este tipo de técnicas son moi recomendables xa que garanten un incremento do número de exemplares dispoñibles para facer repoboacións. Por iso, o obxectivo do convenio asinado por ambas as intitucións é colaborar nesta mesma liña, aproveitando a experiencia de partida do Grupo de Conservación de Peixes e Moluscos (Copemol) que vén desenvolvendo unha liña de investigación baseada na bioloxía da conservación de peixes e moluscos, especialmente centrada nas náiades ameazadas na Comunidade.