O proxecto CEBCAT avanza na formación en sustentabilidade e circularidade en universidades asiáticas

A Universidade de Santiago lidera dende xaneiro deste ano o proxecto Building Capacities for a Transition to a Circular Economy (CEBCAT), financiado polo programa Erasmus+, para formar profesionais en sustentabilidade e economía circular nas universidades asiáticas. O consorcio está formado por once socios de sete países: Laos, Indonesia, Vietnam, Luxemburgo, Grecia, Romanía e España.
Recentemente tivo lugar unha visita de estudo en Vientiane (Laos) na que participaron os profesores do Departamento de Economía Aplicada e investigadores do grupo de investigación ICEDE Óscar Rodil Marzábal (Centro Singular CRETUS) e Hugo Campos Romero. A xuntanza serviu para comprobar os avances no desenvolvemento de varios paquetes de traballo do proxecto, prestando especial atención ao deseño do currículo dos cursos de formación a nivel de mestrado. Esta formación contribuirá a contar con profesionais en sustentabilidade e economía circular nas rexións obxectivo e inclúe un contido práctico adaptado ás necesidades locais. Entre as temáticas destacadas do curso sinálanse algúns retos ambientais, estratexias de economía circular, aplicacións sectoriais e prácticas sustentables.
A reunión tamén permitiu analizar o estado xeral de desenvolvemento do proxecto e o cumprimento dos obxectivos. Ademais puidéronse ver os avances no establecemento das instalacións e equipamento necesario para o desenvolvemento do curso.
Tal e como explican os investigadores da USC, “trátase dun proxecto que, máis alá dos seus resultados e o cambio que implique a nivel universitario, local, rexional e mesmo nacional, representa unha experiencia de cooperación internacional transferindo coñecementos entre distintos ámbitos rexionais, dende a Unión Europea a países asiáticos”.
Durante a visita desenvolvéronse tanto conferencias como actividades prácticas para coñecer mellor a situación do desenvolvemento sostible e a economía circular en Laos. Tamén tivo lugar unha reunión do Comité Externo de Calidade do proxecto, que valorou positivamente o desenvolvemento do proxecto e o esforzo polo seguimento e por mellorar. A próxima visita de estudo do proxecto terá lugar en Hanoi (Vietnam) en abril de 2026, no segundo ano de vixencia do proxecto.
