Ir o contido principal

Un proxecto de Ciencias da Educación reivindica a música como ferramenta para fomentar a concienciación ambiental entre o alumnado de primaria

Os obradoiros están dirixidos a alumnado de 6 a 12 anos
Os obradoiros están dirixidos a alumnado de 6 a 12 anos
Desenvolve no Colexio Pío XII un ciclo de obradoiros que conmemoran a catástrofe do Prestige

A materia de Música na Educación Primaria organiza ao longo de toda a semana no colexio Pío XII de Compostela a Semana do Prestige, unha iniciativa incluída no Proxecto Prestige e que propón un conxunto de actividades para fomentar a concienciación ambiental do alumnado dunha maneira lúdica e creativa, empregando a música como nexo de unión coa problemática ambiental.

Como explica a profesora Laura Tojeiro Pérez a experiencia está impulsada polo alumnado de 2º grao de Mestre en Educación Primaria. O obxectivo é dar a coñecer a catástrofe ocasionado polo afundimento do petroleiro Prestige entre o alumnado de 6 a 12 anos empregando a linguaxe musical. “ Tomando conciencia das consecuencias negativa que tivo o Prestige para a nosa contorna” o alumnado universitario deseñou para a materia de Música diversas actividades coas que dar a coñecer a temática aos nenos e nenas a través do emprego das artes, explica Tojeiro Pérez. Así, o programa mestura actividades de danzas, xogos, ritmos, movemento, reciclaxe, construción de instrumentos, contos sonoros ou escoita da natureza, entre outras iniciativas, co coidado da natureza como nexo común.

Como explica a docente de Ciencias da Educación, a colaboración estableceuse co colexio Pío XII pola súa capacidade para albergar aos 130 alumnos de 2º grao de Mestre en Educación Primaria que impartirán os seus obradoiros ao longo de toda a semana. As actividades están deseñadas polo propio alumnado universitario seguindo a liña temática do Proxecto Prestige, adaptándoas ás diferentes idades e grupos participantes. Polo tanto, todas as clases que se ofrezan durante esta semana son diferentes, explica Laura Tojeiro, “xa que cada grupo de universitarios abordou a temática dende diferentes perspectivas”. Ademais, “establecendo un paralelismo coa catástrofe actual do lume en Galicia e que rescatou o lema de ‘Nunca máis’, tamén se realizaron actividades musicais que trataron a temática dos incendios e o coidado dos bosques”, engade a profesora Tojeiro.

Ao final de cada taller entregarase unha circular a cada neno e nena dirixido ás súas respectivas familias que explican as actividades desenvolvidas ao abeiro deste proxecto e mostrando “exemplos de iniciativas sostibles ou pequenas accións que se poden levar a cabo individualmente para coidar entre todos o noso planeta”. En definitiva, o propósito é “dar a coñecer unha das catástrofes naturais máis importantes que asolou o territorio galego empregando a música como canle de difusión, co obxectivo de que os nenos e nenas se involucren no coidados dos recursos naturais e de que, deste xeito, non se volva repetir unha catástrofe como a vivida”, engade Laura Tojeiro.

Detalle dos instrumentos que se construiron para traballar a temática asociando tanto o son como as cores dos instrumentos á catástofre do Prestige

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2017.