Ir o contido principal

O proxecto ‘Diálogos xeracionais’ xunta a usuarios do centro de día de Begonte con estudantes en Formación do Profesorado

Maiores e estudantes do grado de Educación Infantil, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
Maiores e estudantes do grado de Educación Infantil, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
Vinte e catro estudantes do grao de Educación Infantil participan nesta experiencia socioeducativa, coordinada por Teijeiro Bóo, e que dará pé a un libro dixital de relatos

O proxecto interxeracional ‘Diálogos xeracionais¡’, promovido polo centro de día de Begonte, pertencente á rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en colaboración con docentes da Facultade de Formación do Profesorado, congregou no centro universitario lugués a máis de vinte usuarios e amigos do centro asistencial begontino. Estes maiores tiveron a ocasión de conversar e participar en animados diálogos con alumnos/as de segundo curso do grao en Educación Infantil que están matriculados na materia de Observación e análise: escola e contexto, que imparte a profesora Yéssica Teijeiro Bóo, quen tamén actúa como coordinadora do proxecto.

O programa interxeracional ‘Diálogos xeracionais’ busca establecer relacións construtivas entre xeracións distintas, como é o caso dos maiores do centro de día de Begonte e os estudantes da Facultade de Formación do Profesorado, a través da escritura creativa. Un dos resultados do proxecto é a elaboración dun libro dixital de relatos curtos baseados nos datos recollidos polos estudantes nas entrevistas persoais e tamén nos documentos gráficos achegados polos protagonistas deste proxecto, segundo explicou a profesora Teijeiro Bóo. Os maiores begontinos que participan no proxecto ‘Diálogos xeracionais’ xa tiveron a ocasión de coñecer os relatos elaborados polos estudantes do grao de Educación Infantil no transcurso desta segunda xornada de convivencia xeracional. Antes de compartir cos protagonistas as distintas creacións literarias dos/das universitarios/as implicados/as neste proxecto, os usuarios do centro de día de Begonte xa mantiveran a comezos de marzo entrevistas coas mesmos autores das creacións literarias. Este primeiro encontro permitiu establecer relacións interxeracionais construtivas e enriquecedoras, ao tempo que posibilitou aos estudantes confeccionar os seus respectivos relatos creativos baseados nas vivencias, inquedanzas, contexto histórico, recordos e anécdotas narradas polos maiores

A metodoloxía empregada neste proxecto é participativa, comprensiva, integradora, creativa e estimulativa, segundo precisou a profesora Yéssica Teijeiro Bóo, que entende que as dúas xeracións implicadas no programa deben enriquecerse con esta experiencia socioeducativa, que terá o seu cumio na elaboración dun libro de relatos curtos. Esta publicación incluirá ademais dos textos as fotografías das parellas implicadas en cada relatorio. Outra das accións previstas no proxecto atinxe á posibilidade de desenvolver un obradoiro escolar en colaboración co Ceip Baamonde no que o estudantado de Formación do Profesorado empregue as súas creacións literarias como ferramenta pedagóxica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2013.