Ir o contido principal

O proxecto de divulgación científica ‘Unha cebra na auga’ busca achegar a experimentación a escolares de secundaria de Galicia

Adrián Millán, Lara Méndez, Laura Sánchez, Álvaro Santos e Noemía Rodríguez, na presentación do proxecto
Adrián Millán, Lara Méndez, Laura Sánchez, Álvaro Santos e Noemía Rodríguez, na presentación do proxecto
A inscrición neste programa, que traslada á experimentación ás aulas de cuarto de ESO de toda Galicia, estará aberta ata o 7 de febreiro na web www.unacebraenelagua.es

A segunda edición do proxecto de divulgación científica ‘Unha cebra na auga’ pretende achegar a experimentación ás aulas de cuarto curso da ESO dos centros educativos radicados en Galicia, tal e como subliñou este venres a catedrática de Universidade de Santiago de Compostela e responsable deste programa de estimulación de novas vocacións científicas, Laura Sánchez Piñón.

Os obxectivos fixados na segunda edición deste proxecto, promovido polos investigadores do Laboratorio de Peixes Cebra do grupo Acuigen da USC, seguen a ser os mesmos que os marcados na primeira edición, e céntranse na divulgación da experimentación científica entre os escolares. Este cometido acada se cabe maior importancia nuns intres nos que, tanto no plano autonómico, nacional como internacional, está a diminuír a matrícula universitaria nas titulacións de perfil científico, segundo dixo Sánchez Piñón. A segunda edición do proxecto ‘Unha cebra na auga’, que na súa primeira edición conseguiu implicar a escolares de 20 centros educativos de Galicia, volve contar con financiamento da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) nesta segunda convocatoria, na que os seus promotores buscan aumentar a 36 o número de centros educativos, así como a o número de estudantes implicados nunha iniciativa que permite levar a experimentación ás aulas de ensino secundario, dixo Sánchez Piñón. Información e inscrición A responsable de ‘Unha cebra na auga’, un proxecto que conta xa con toda a información relativa ao seu desenvolvemento dispoñible na páxina web www.unacebraenelagua.es, salientou que os bos resultados obtidos na primeira edición deste programa foi un pulo decisivo para lanzar a segunda convocatoria dun proxecto que resulta gratuíto para os centros participantes e cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 7 de febreiro de 2014. A matrícula será en liña na web www.unacebraenelagua.es. Sánchez Piñón aproveitou a presentación deste programa de promoción do método científico que toma como exemplo o modelo biolóxico do peixe cebra, para manifestar o seu agradecemento ás entidades e empresas que colaboran no proxecto. Daquela, a catedrática da USC significou que a colaboración recibida da Deputación de Lugo, concretamente a través da súa Vicepresidencia Segunda, que se suma ao programa nesta segunda edición, do mesmo xeito que o fai a Fundación Barrié, e tamén da Fundación TIC, cuxo traballo dá visibilidade ás distintas accións contempladas no proxecto. Nesta segunda andaina de ‘Unha cebra na auga’, tamén continúan como colaboradores do proxecto a spin-off Geneaqua, xurdida do grupo Acuigen radicado na Facultade de Veterinaria, e a empresa Intelixencia Visual, unha firma tamén de base tecnolóxica que desenvolveu o simulador pedagóxico para o programa, unha ferramenta que vén de ser perfeccionada para esta nova convocatoria. Outra das novidades salientadas por Laura Sánchez Piñón na presentación do proxecto, un acto no que tamén participaron a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez; o deputado delegado da área de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos, en calidade de padroeiro da Fundación TIC, ademais de Adrián Millán e Noemí Rodríguez, como responsables das empresas Geneaqua e Inteligencia Visual, respectivamente, atinxe á pretensión dos promotores de sumar mecenas a este proxecto a través do denominado ‘ crowdfunding’. O ‘crowdfunding’ abriríanos as portas a obter máis financiamento a través de achegas voluntarias e, se cabe anónimas, dixo Sánchez Piñón, ao tempo que tamén fixo fincapé en que esta nova alternativa contribuiría a implicar un maior número de persoas nun proxecto no que traballamos para darlle unha dimensión nacional e así achegar a ciencia e a experimentación a escolares de toda España.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.01.2014.