Ir o contido principal

O proxecto EQUALSEA analizará os ‘estresores’ dos océanos e o seu impacto social

Dun total de 2.506 propostas, só se concederon 327, o que implica que só o 13% das solicitudes foron recoñecidas, entre elas, a de Sebastián Villasante. FOTO: Santi Alvite
Dun total de 2.506 propostas, só se concederon 327, o que implica que só o 13% das solicitudes foron recoñecidas, entre elas, a de Sebastián Villasante. FOTO: Santi Alvite
O profesor Sebastián Villasante, distinguido cunha ‘Consolidator Grant’ do Consello Europeo de Investigación, liderará na USC esta iniciativa dotada cun financiamento de dous millóns de euros
Lugo

O proxecto ‘EQUALSEA-Transformative adaptation towards ocean equity’ analizará as transformacións socio-ecolóxicas cara a unha maior equidade global dos océanos. Esta investigación está liderada polo profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, Sebastián Villasante, quen acaba de ser distinguido cunha ‘Consolidator Grant’, financiamento co que o Consello Europeo de Investigación (ERC) pretende recoñecer proxectos impulsados por científicos cunha traxectoria consolidada de entre sete e doce anos. Neste senso, EQUALSEA, dotado con dous millóns de euros, afondará en como certos estresores afectan as áreas mariñas protexidas, así como o seu impacto na sociedade.

“A desigualdade aumentou en case todas as rexións do mundo nas últimas décadas e converteuse nun dos desafíos sociais máis relevantes do século  XXI”, explica o profesor Sebastián Villasante. “Máis de 4.000 millóns de persoas no planeta dependen, de forma directa ou indirecta, do peixe como fonte de proteína para o consumo humano, pero descoñécese como certos estresores —tales como o cambio climático, a perda de biodiversidade ou a demanda de recursos mariños dunha poboación crecente—, impactan no xeito en como os beneficios dos océanos distribúense na sociedade”, continúa o investigador da USC. Os océanos, explica, tamén achegan outros beneficios e valores tales como actividades de recreación, saúde humana e identidade, “que son chave para o benestar das sociedades”. O proxecto recoñecido polo ERC abordará as relacións entre os  estresores dos océanos en áreas mariñas protexidas, consideradas a ferramenta de conservación mariña máis empregada a nivel global. Asemade, incluirá a participación activa dos stakeholders —industrias, gobernos, científicos ou ONG— en diferentes estudos de caso en África, América Latina e Europa.

Excelencia investigadora

Na convocatoria que acaba de resolverse, concedeuse financiamento nos eidos de Ciencias da Vida; Física e Enxeñaría; así como en Ciencias Sociais e Humanidades. Dun total de 2.506 propostas, só se concederon 327, o que implica que só o 13% das solicitudes foron recoñecidas. No caso de España, 22 foron os proxectos que recibiron financiamento nesta convocatoria altamente competitiva xa que, alén da USC, só as universidades de Sevilla, Barcelona, Autónoma de Madrid, e as Politécnicas de Cataluña e Valencia, foron recoñecidas cunha ‘Consolidator Grant’.

A misión do ERC é fomentar a investigación de máis alta calidade en Europa a través dun financiamento competitivo e apoiar a investigación en todos os campos da ciencia, sobre a base da excelencia científica. O ERC busca financiar a longo prazo proxectos de investigadores excelentes e dos seus equipos, a fin de que leven a cabo unha investigación nova e potencialmente moi rendible, pero de alto risco.

Currículo

As liñas de investigación de Sebastian Villasante céntranse na socio-economía dos sistemas mariños socio-ecolóxicos. O profesor da USC publicou máis de 130 artigos en revistas científicas e é co-chair do Grupo de Traballo Resiliencia e Servizos  Ecosistémicos Mariños do Consello Internacional para a Exploración do Mar, do Grupo de traballo sobre Valoración Monetaria da Ecosystem  Services  Partnership, e é tamén  co- chair do Grupo de Traballo de Resiliencia Costeira do European Marine Board. Foi nomeado experto no Comité Científico, Técnico e Económico da Pesca que asesora á Comisión Europea e é experto internacional convidado ao Transformative  Change  Assessment do  IPBES.  Foi relator convidado polo Parlamento Europeo, o Tribunal de Contas Europeo, Nacións Unidas, a Convención sobre a Biodiversidade Biolóxica. É membro do Comité Editorial de revistas científicas como  Frontiers  of Marine  Science, Marine  Policy Ecosystems  and  PeoplePLOSONE.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2020.