Ir o contido principal

O proxecto Erasmus CirculEC dá pulo á formación sobre economía circular e sustentabilidade en universidades de Asia Central

Os grupos ‘Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento’ (ICEDE) e Persoas, Organizacións Sostibles e Márketing (POSMARK) da USC, conxuntamente coa Università degli Studi di Napoli Federico IIde Italia e a Fachhochschule des Mittelstands de Alemaña, participan nunha visita de seguimento en universidades de Kazaxistán, Taxiquistán, Usbequistán e Turkmenistán
Os grupos ‘Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento’ (ICEDE) e Persoas, Organizacións Sostibles e Márketing (POSMARK) da USC, conxuntamente coa Università degli Studi di Napoli Federico IIde Italia e a Fachhochschule des Mittelstands de Alemaña, participan nunha visita de seguimento en universidades de Kazaxistán, Taxiquistán, Usbequistán e Turkmenistán
Os grupos ICEDE e POSMARK da USC asesoran universidades de Kazaxistán, Taxiquistán, Usbequistán e Turkmenistán para que incorporen estes contidos nos estudos de grao, mestrado e formación continua
Santiago de Compostela

Mellorar a capacidade educativa das institucións de educación superior e cultivar a comprensión dos principios da economía circular entre o estudantado é esencial para crear un futuro sustentable. Baixo esta premisa, avanza o proxecto ‘Desenvolvemento de plans de estudos e módulos innovadores en economía circular e desenvolvemento sustentable– CirculEC’ co que se pretende dotar o estudantado dunha comprensión destes principios para preparalos á hora de aplicar prácticas de economía circular e modelos empresariais sustentables nas súas futuras carreiras e contribuír ao desenvolvemento dunha economía máis sustentable e eficiente.

No marco desta investigación, os grupos ‘Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento’ (ICEDE) e Persoas, Organizacións Sostibles e Márketing (POSMARK) da USC, conxuntamente coa Università degli Studi di Napoli Federico IIde Italia e a Fachhochschule des Mittelstands de Alemaña, participan nunha visita de seguimento en universidades de Kazaxistán, Taxiquistán, Usbequistán e Turkmenistán que participan neste proxecto. Durante toda esta semana e parte da próxima, a delegación de universidades europeas, e por parte da USC os profesores Xavier Vence, Adolfo Carballo, Nailya Saifulina e Sugey López asesorarán e orientarán as universidades de Asia sobre a implementación de estudios en Economía Circular e Sustentabilidade tanto en estudos de grao como de Mestrado e formación continua.

Obxectivos

“O modelo de economía circular fomenta a eficiencia económica minimizando os residuos e promovendo a reutilización e a reciclaxe dos recursos”, apuntan dende este proxecto financiado polo programa Erasmus+ CBHE da Comisión Europea. Neste senso, o principal obxectivo do proxecto é integrar os temas da economía circular (EC) e o desenvolvemento sustentable (DS) nos programas educativos dos países socios. “Será importante non só explicar os principios da EC e o DS, senón tamén ilustrar formas, enfoques/métodos, así como actividades e accións concretas para introducilos nas entidades empresariais e as autoridades territoriais”, explican.

Deste xeito preténdese acelerar a transición cara a unha maior circularidade e fomentar a aplicación dos Obxectivos de Sustentabilidade e as accións do Pacto Verde. “O Pacto Verde Europeo puxo en marcha a estratexia para unha economía climáticamente neutra, eficiente no uso dos recursos e competitiva”, afirman. Este plan tamén pretende garantir que a economía circular funcione para as persoas, as rexións e as cidades, contribúa plenamente á neutralidade climática e aproveite o potencial da integración da investigación entre diferentes disciplinas para promover a innovación e a dixitalización. “A transición cara á economía circular e o desenvolvemento sustentable desempeñará un papel crucial e contribuirá en gran medida á neutralidade climática”, engaden.

Profesorado da USC durante unha das xuntanzas
Profesorado da USC durante unha das xuntanzas
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2025.