O proxecto europeo Byefouling desenvolve en Santiago a súa reunión final
O foco global dos efectos negativos do aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro é un dos temas clave na axenda da Organización Marítima Internacional. En consecuencia, toda a cadea de valor do mar comezou a desenvolver solucións para reducir esas emisións, o que terá impactos positivos no sector do transporte de buques e na industria pesqueira de Europa, que é a cuarta maior do mundo, e do sector da acuicultura, importante fonte de proteína de calidade en Europa.
A Facultade de Bioloxía acubillará este mércores 8 e o xoves a reunión final do proxecto europeo BYEFOULING (Low-toxic cost-efficient environment-friendly antifouling materials) enfocado ao deseño, desenvolvemento e escalado de novos recubrimentos antifouling (anti-incrustación) de maior eficacia e menor toxicidade que os produtos dispoñibles no mercado para o sector do mar.
No proxecto participan entidades publicas de investigación e empresas de 11 países, entre eles a Universidade de Santiago a través do grupo de Biotecnoloxía e Acuicultura Mariña que dirixe a profesora Ana Otero. En ByeFouling o grupo levará a cabo tarefas de selección para identificar novos compostos e de baixa toxicidade que sexan compatibles co medio ambiente a partir de fontes sostibles con capacidade para inhibir a formación de biofilm bacteriana e microalgas, que constitúen a primeira fase do biofouling mariño.
A principal área de especialización do grupo é a biotecnoloxía de microalgas, con máis de 30 anos de experiencia en estudos fisiolóxicos e biotecnolóxicos sobre microalgas e cianobacterias e especial atención ás aplicacións no campo da acuicultura marítima. Nos últimos anos, a profesora Ana Otero iniciou unha nova liña de investigación sobre as aplicacións biotecnolóxicas da inhibición da comunicación bacteriana que xa produciu tres patentes.
A visión principal de BYEFOULING é proporcionar os medios para a fabricación industrial rendible de revestimentos anti-incrustación en Europa, onde as pemes son tanto as que desenvolven compoñentes de recubrimento como os provedores de tecnoloxía de produción.