Ir o contido principal

O proxecto europeo Life+ iSEAS celebra unha xornada de traballo na USC

Pretende demostrar a viabilidade de implantar de prácticas sostibles no sector pesqueiro da USC

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acollerá este martes 13 e o mércores 14 unha xuntanza de coordinación dos integrantes do proxecto Life+ iSEAS, un proxecto europeo que pretende demostrar a viabilidade de implantar de prácticas sostibles no sector pesqueiro da USC. Por parte da USC, participan no proxecto os grupos de investigación en Economía Pesqueira e en Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos, xunto co representantes do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, do Centro Tecnolóxico do Mar, do Centro de Supercomputación de Galicia, do Instituto Español de Oceanografía e, por parte do sector, do grupo Josmar e da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín (OPROMAR).

O proxecto busca alcanzar o seu obxectivo principal a través da mellora da posta en práctica tanto dos coñecementos existentes como de solucións innovadoras para a redución e xestión dos descartes pesqueiros. Neste senso, a FAO define os descartes como “a porción da materia orgánica total de orixe animal na captura, a cal é desaproveitada, ou vertida no mar por calquera razón”.

Life iSEAS probará a implementación e funcionamento do iObserver a bordo de buques oceanográficos para o que se instalará un conxunto de tecnoloxías estandarizadas capaces de realizar o mesmo traballo que desenvolven observadores cualificados. Ademais tentarase optimizar a actividade pesqueira a través da definición dunha ferramenta fiables, baseada en modelos matemáticos que analizan as condicións espazo-temporais das áreas de pesca obxecto de estudo.

Programa
O programa da xuntanza comezará este martes 13 ás 9.30 horas para dar paso deseguido ás distintas intervencións dos socios participantes para explicar o estado de desenvolvemento das distintas liñas de acción do proxecto. No caso concreto dos grupos da USC incidirán nos estudos preliminares realizados arredor da redución dos impactos medioambientais e optimización de fluxos de materias primas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2016.